• Critican que o Bipartito vaise repartir case o dobre do que cobra, por exemplo, o presidente do Goberno de España.
• BNG e PSOE das Neves teñen previsto gastar nos soldos e complementos do alcalde e dos dous tenentes de alcalde tres veces máis que o que van adicar ao capítulo de investimentos na pavimentación de acceso ás vivendas.
O Partido Popular das Neves denuncia que o Goberno local do BNG e PSOE ten previsto gastar nos soldos, e demais complementos, do alcalde e dos dous tenentes de alcalde 159.305 euros, mentres que no capítulo de investimentos destinan un tercio desta cantidade, 54.805,69 euros en concreto, á pavimentación de tres camiños en todo o concello. “De verdade que non hai máis necesidade que esta? É necesario e urxente que se dean un paseo por cada barrio para comprobar o deterioro e abandono que están sufrindo”, engaden.
Estes datos deixan claro que o Bipartito pensa máis neles que nos veciños.
Os populares chaman a atención sobre que os orzamentos deste ano -que se aprobaron este mes, cos votos en contra do PP- e a pesar de aumentar en case un millón de euros con respecto ao ano pasado, non van repercutir nunha mellora de servizos e de investimentos.
O alcalde ten abandonadas as parroquias do concello. O candidato á alcaldía, Jose Manuel Alfonso, sinala que “é unha situación que se repite en todas as parroquias: pistas en mal estado, baches, falta de limpeza das cunetas, ausencia de mantemento e de prevención… Non existen para o Goberno. Tratan aos veciños destas parroquias como cidadáns de segunda, ou incluso de terceira”.
Ademais, lamentan que os 90.000 euros que o concello recadou este ano pola nova taxa do Bipartito ao saneamento non repercutan en ningunha obra de mellora da rede municipal de augas. “Non sabemos si é falta de xestión, de capacidade deste Goberno ou é que directamente non hai vontade política para mellorar as nosas redes de servizos básicos”.
Pero non só botan en falta máis actuacións en mellora e mantenemento de camiños e rede de saneamento, os populares lamentan que o Bipartito non aumenten as partidas para subvencionar e apoiar ás entidades culturais, sociais e deportivas locais. “O apoio a todo o tecido asociativo deste concello segue completamente estancado”.
Por iso, os populares adiantan que en 2024, xa co PP na alcaldía, os orzamentos das Neves serán máis xustos e equitativos para todos.



