HomePontevedraPoioO programa EcoInnova Poio de promoción económica retoma as súas charlas informativas...

O programa EcoInnova Poio de promoción económica retoma as súas charlas informativas sobre aforro enerxético

- Anuncio -spot_img

• A primeira sesión de 2023 terá lugar o vindeiro martes, 31 de xaneiro, no Casal de Ferreirós, ás 20.00 horas, e versará sobre fórmulas para acadar un maior aproveitamento no consumo

• O concelleiro socialista Gregorio Agís anima á veciñanza a anotarse para tomar parte nesta nova sesión, chamando ao 625120475 ou enviando un correo electrónico a ola@ecoinnovapoio.gal

O concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo, o socialista Gregorio Agís, informa de que a vindeira semana retomaranse as charlas informativas que forman parte do programa EcoInnova Poio. Esta é unha iniciativa organizada polo departamento municipal que iniciou a súa actividade o pasado mes de decembro, co obxectivo de promover a optimización e mellora dos recursos enerxéticos, cunha maior sostibilidade e axudando a particulares e negocios a reducir custes. Entre as accións que se impulsan figuran, ademais das devanditas charlas, servizo de asesoramento informativo vía ‘on line’ ou visitas ‘in situ’ para analizar os locais e propoñer medidas para conseguir aproveitar ao máximo a enerxía eléctrica “pagando un prezo axeitado”.

Logo das charlas celebradas en decembro, a seguinte será o vindeiro martes, día 31 de xaneiro, no Casal de Ferreirós, a partir das 20.00 horas. Para participar na mesma será necesario inscribirse chamando ao 625120475 ou enviando un correo electrónico á dirección ola@ecoinnovapoio.gal. Mentres que as dúas primeiras citas se centraron en analizar fórmulas para unha correcta interpretación da factura da luz, expoñendo casos concretos, nesta ocasión o técnico especializado Diego Padín achegará pautas e métodos efectivos no noso día a día para conseguir un maior aforro enerxético. Gregorio Agís adianta que “a nosa intención e continuar coas charlas informativas de xeito periódico, cada dúas semanas, abordando temáticas relacionadas coa eficiencia enerxética tendo en conta a demanda dos e das participantes”.

O concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo fai un balanzo moi positivo desta primeira edición do EcoInnova Poio. “Decidimos prolongar a actividade durante este ano, dada a gran resposta por parte da cidadanía á hora de solicitar os asesoramentos e participar nas charlas”, apunta Agís Gómez. O edil do PSdeG-PSOE recorda que a día de hoxe son xa máis de medio cento as persoas anotadas no programa. O asesoramento técnico é levado acabo pola firma Sherpa Empresarial. Os e as veciñas de Poio interesadas en adherirse ao EcoInnova poden obter máis información na páxina web www.ecoinnovapoio.gal.

Publicacións Relacionadas