Home Xunta de Galicia A Filmoteca de Galicia recibe os cineastas Cyril Schâublin e Albert Serra...

A Filmoteca de Galicia recibe os cineastas Cyril Schâublin e Albert Serra para presentar os seus premiados últimos traballos

- Anuncio -

— O director suízo estará este venres na sede da cinemateca da Xunta con ‘Disturbios’, mellor dirección na sección Encounters da pasada Berlinale, mentres que o realizador catalán regresa á Coruña para a proxección o día 14 de ‘Pacifiction’, un dos éxitos cinematográficos de 2022 en Francia

— O ciclo dedicado a María Casares remata mañá cunha sesión que inclúe o telefilme ‘La mort de Sidonie Mertens’ e tres pezas informativas da televisión francesa

— A carteleira de febreiro avanza nas retrospectivas de Abbas Kiarostami e Paulo Rocha con algunhas das súas fitas máis coñecidas


A Coruña, 31 de xaneiro de 2023.- A Filmoteca de Galicia xa ten preparada a súa carteleira de febreiro, que desde mañá e ata finais de mes ofreceralle ao público cinéfilo 32 novas citas na súa sede da Coruña. Destacan, entre elas, as visitas do cineasta suízo Cyril Schäublin e do catalán Albert Serra para presentar as súas últimas e premiadas longametraxes.

O primeiro deles estará na cinemateca da Xunta de Galicia este mesmo venres 3 con motivo dunha sesión dobre que dará comezo ás 18,00 h. co clásico alemán Xente en domingo, que xunta a Billy Wilder no guión e a Edgar G. Ulmer e Robert Siodmak na dirección antes da súa fuxida a Estados Unidos. Tras introducir este filme de 1930, Schäublin presentará e participará no coloquio arredor da súa película Disturbios, pola que foi recoñecido como mellor director na sección Encounters da pasada edición da Berlinale. Este traballo sobre a transformación tecnolóxica que afectou á fabricación artesanal dos reloxos suízos a finais do século XIX proxectarase na Sala José Sellier a partir das 20,30 h. en versión orixinal e con subtítulos en galego.

Sexta visita de Serra á cinemateca

Pola súa banda, Albert Serra regresa á Filmoteca de Galicia o martes 14 para compartir co público o seu último filme, a coprodución hispano-francesa Pacifiction, como xa fixera en ata cinco ocasións coas súas anteriores longas. Desta volta, faino co que está a ser un dos éxitos cinematográficos en Francia, onde despois da súa estrea no Festival de Cannes, obtivo o premio Louis Delluc á mellor película francesa do ano pasado, foi elixida por Cahiers du Cinéma como a mellor estrea de 2022, logrou os premios a mellor director, actor e fotografía nos Lumières e acaba de ser nomeada en nove categorías dos César.

En febreiro concluirán, ademais, os ciclos que a Filmoteca de Galicia lles está a dedicar á actriz María Casares e ao cineasta experimental Jonas Mekas co gallo dos seus centenarios. No caso de Casares, a homenaxe remata mañá mesmo cunha sesión ás 20,30 h. que incluirá o telefilme La mort de Sidonie Mertens, de 1966, e tres pezas informativas da televisión francesa: unha reportaxe sobre a súa interpretación teatral de La Celestina, a súa participación no programa Apostrophes a raíz da publicación de Residente privilexiada, a súa autobiografía, e a noticia do seu falecemento en 1996.

Lectura en homenaxe a Jonas Mekas

Pola súa banda, o especial sobre Jonas Mekas chega á súa fin con catro películas sobre catro dos seus amigos: Andy Warhol (dia 8) e John Lennon, Georges Maciunas e Jackie Kennedy (día 10). A primeira destas citas complétase cun acto no que os cineastas Jaione Camborda, Ángel Santos e Santos Díaz, a programadora Andrea Franco e os directores da mostra (S8), Ana Domínguez e Ángel Rueda, lerán varios capítulos de Destellos de belleza, o último libro de Mekas.

A carteleira de febreiro avanzará tamén nas retrospectivas sobre o portugués Paulo Rocha e o iraniano Abbas Kiarostami, que arrancaron en xaneiro na Sala José Sellier e que agora ofrecen algúns dos traballos máis recoñecidos de ambos. Así, prográmanse oito novas sesións do ciclo de Paulo Rocha, considerado o pai do Cinema Novo portugués, coas que se cubre a práctica totalidade da súa filmografía: desde 1982, coa súa obra mestra A illa dos amores (xoves 2), ata 2012, ano do seu pasamento e da súa última película, Se eu fosse ladrao… roubava (día 28), recapitulación de toda a súa obra.
Continúa igualmente o especial sobre Abbas Kiarostami con cinco programas que dan conta da súa evolución desde un cinema didáctico e neorrealista ata a dirección autorreflexiva. Comprenden tanto as súas últimas curtas e documentais para Kannon (días 7, 9 e 10), o centro iraniano para o desenvolvemento intelectual de nenos e adolescentes no que traballaba, ata a triloxía de Koker, coa que acadará fama en Occidente: ¿Dónde está la casa de mi amigo? (días 11 e 15), Y la vida continúa (días 18 e 22) e A través de los olivos (días 25 e 28).
Outra das sesións destacadas de febreiro na Filmoteca de Galicia será a proxección o día 23 de El filmador, de Aldo Garay, película que parte da viaxe por Europa do escritor uruguaio José Pedro Díaz a primeiros dos anos 50 e que inclúe imaxes inéditas da romaría de A Franqueira, no concello pontevedrés de A Cañiza, filmadas en setembro de 1950 coa súa cámara de 16mm.

Relacionadas

A Xunta felicita ao grupo ‘Las Rías’ polos seus 50 anos como referente do...

0
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe no acto conmemorativo celebrado en Vigo por este grupo empresarial, do que...

A Xunta destaca na Festa do Champiñón o potencial agrogandeiro da Comarca de Ordes

0
O conselleiro de Presidencia, Xustiza de Deportes, Diego Calvo, percorreu esta mañá acompañado do alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo o recinto da...

Belén do Campo destaca que o irmandamento entre as asociacións do Centro Asturiano e...

0
— A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participou no irmandamento entre ambas entidades que tivo lugar no Sporting Club Casino...

Portos de Galicia exime do pago de taxas ao concello de Camariñas polo Museo...

0
A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de aprobar a exención ao Concello de Camariñas do pago do 100% da...

Román Rodríguez comprométese a reforzar o apoio da Xunta á mellora das competencias lingüísticas...

0
— Lembra que a Xunta ten en marcha un amplo programa de estadías lingüísticas con preto de 2.500 prazas en primavera, outono e verán...

A Xunta denuncia o retraso dos compromisos adquiridos polo Goberno Central en materia de...

0
— O Goberno galego lamenta a falta de transparencia do Executivo estatal e reclama un diálogo continuo e fluído entre ambas administracións para coñecer...

Publicacións Relacionadas