Home Xunta de Galicia A Xunta reforza o equipamento deportivo de máis de 800 entidades galegas...

A Xunta reforza o equipamento deportivo de máis de 800 entidades galegas cun investimento récord de 4,6M€ en 2022

- Anuncio -

— O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, fixo hoxe entrega do material concedido a algúns dos 57 clubs, sociedades anónimas, seccións deportivas da área de Santiago, que recibiron da Xunta máis de 270.000 euros


— Forman parte dos 4M€ investidos en 714 entidades deportivas da comunidade no marco da segunda convocatoria desta liña de axudas, que se suman ás 97 beneficiarias da primeira convocatoria


— O Goberno galego leva investidos nestas axudas máis de 10,3M€ desde 2009 en apoio á compra de material de máis de 1.700 federacións e clubs deportivos

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, fixo hoxe entrega de parte do material deportivo do que foron beneficiarias 57 entidades deportivas área de Santiago na última convocatoria da orde de axudas para a adquisición deste material, o que supuxo unha achega da Xunta de máis de 270.000 euros. Só na cidade compostelá o importe en equipamento achegouse aos 86.000 euros entre os 19 clubs, sociedades anónimas e seccións deportivas beneficiarios, incluída tamén a Federación Galega de Baloncesto, con sede na urbe. Ao acto tamén acudiron o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.

Estas achegas forman parte da segunda convocatoria de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos. En toda Galicia, trátase de 714 entidades deportivas -18 federacións e 696 clubs ou seccións deportivas- que percibiron máis de 4M€. Estas entidades súmanse ás 97 xa beneficiarias da primeira convocatoria destas axudas por un importe de 700.000 euros, dos que 490.000 euros corresponden aos clubs, sociedades e seccións deportivas e os 210.000 restantes ás federacións. Polo tanto, entre ambas ordes, o investimento histórico de 4,6M€ permitiu dotar do material necesario para garantir a actividade e o funcionamento de máis de 800 entidades deportivas.

Entre os 19 beneficiarios da cidade de Santiago de Compostela recolleron hoxe o seu material: Club Triatlón Santiago, Club Triatlón Compostela, Compostela Esgrima, Club Atletismo Santiago, Club Patinaxe Compostela, Club Acade (Asociación de Cans Deportistas), Club Ximnasia Rítmica Viravolta, Amio Sociedade Deportiva de fútbol, Club Atlético Fátima, Hóckey Club Raxoi, Club La Algalia de xadrez, Club Ciclista Compostelano, Santiago Rugby Club e Club de xadrez Creacciona Cum Laude, xunto coa Federación Galega de Baloncesto.

Tamén asistiron á entrega outros clubs da área compostelá como o Ximnasio Club Deportivo Escuela Ayude e Melide Motorsport, ambos de Melide; xunto co Club Juancho Vázquez de kickboxing e o Club TKdenodo de Teo, o Club Ciclista Padronés de Padrón e o Club Ribeiras do Tambre de piragüismo de Ames. De feito, recibiron material desta segunda orde de subvencións para equipamento deportivo clubs de Ames, Arzúa, Boqueixón, Frades, Negreira, Melide, Ordes, Oroso, Padrón, O Pino, Rois, Santa Comba, Teo, Trazo e Vedra.

Polo tanto, Diego Calvo puxo en valor que a Xunta apoia o tecido deportivo da área de Santiago de Compostela coa entrega de equipamento específico para a actividade destes clubs, sociedades e federacións –taboleiros, pértegas, xavelinas, canastras, porterías, patíns ou proteccións, embarcacións, bicicletas…-; outro material básico como furgonetas, material de ximnasio e de adestramento ou carros de transporte de material; e material sanitario como caixas de primeiros auxilios ou desfibriladores.

Das 714 entidades beneficiarias na segunda convocatoria das axudas de equipamento deportivo no conxunto da comunidade por case 4 millóns de euros, resultaron beneficiarios 696 clubs, sociedades e seccións deportivas. Por provincias, 235 corresponden á da Coruña con 1,3M€ investidos na compra de equipamento, 94 na de Lugo por 516.600 euros, 55 na de Ourense por 295.200 euros e 312 na de Pontevedra por máis de 1,6M€.

Ademais, tamén se beneficiaron desta liña na súa segunda convocatoria 18 federacións deportivas na comunidade: 5 na provincia da Coruña -4 delas na cidade da Coruña xunto coa Federación Galega de Baloncesto de Santiago -; 4 na de Ourense, das que 3 están na cidade ourensá; e 8 na provincia de Pontevedra, todas elas na cidade viguesa.

O vicepresidente segundo da Xunta lembrou que o Goberno galego leva investidos desde 2009 un total de 10,34 millóns de euros a subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos, resultando beneficiarias máis de 1.700 entidades.

Neste 2023, o orzamento da Vicepresidencia Segunda reserva 44M€ ao ámbito deportivo, o que supón unha cifra récord. Unha parte importante destinarase á creación ou mellora de infraestruturas deportivas cunha dotación de 18M€.

Tamén se manterá o apoio ao tecido deportivo cunha achega de 7M€. Por unha parte, mantense o orzamento de 2M€ á orde de axudas ao funcionamento de clubs, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas e núcleos de adestramento deportivo que xa está publicada. Por outra banda, resérvanse 5M€ á sinatura de convenios con 59 federacións deportivas da comunidade para contribuír ao seu funcionamento.

Nesta liña, Diego Calvo anunciou que se porán en marcha novas edicións do programa Xogade e do Plan Corresponsables, que superaron as expectativas o ano pasado achegándose ás cifras prepandemia. Así, a Xunta continúa co seu traballo de fomentar a práctica deportiva e inculcar os valores do deporte desde as idades máis temperás.

Relacionadas

A Xunta destaca o éxito da V edición do Bono Activa Comercio con preto...

0
José González visita esta tarde dous comercios da rúa Xoán XXIII de Ourense que participan nesta campaña e ofrecen os descontos financiados polo Goberno...

A Xunta reúnese coa AECT Río Minho para abordar os proxectos en marcha en...

0
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, reuniuse cos responsables desta entidade de cooperación, no marco da rolda de contactos...

A Xunta destina máis de 257.000€ á renovación da instalación da Protección de Incendios...

0
A plataforma Contratos públicos de Galicia publica hoxe a licitación da obra, coa previsión de que poida empezar en setembro cun prazo de execución...

A Xunta apoia o achegamento dos máis pequenos ao oficio da xoiería mediante o...

0
— O secretario xeral técnico da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Joaquín Macho, asistiu hoxe á cerimonia de entrega de premios deste concurso...

A Xunta felicita ao grupo ‘Las Rías’ polos seus 50 anos como referente do...

0
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe no acto conmemorativo celebrado en Vigo por este grupo empresarial, do que...

A Xunta destaca na Festa do Champiñón o potencial agrogandeiro da Comarca de Ordes

0
O conselleiro de Presidencia, Xustiza de Deportes, Diego Calvo, percorreu esta mañá acompañado do alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo o recinto da...

Publicacións Relacionadas