Manuel Baltar avanzou esta vía de cooperación tralo encontro que mantivo esta mañá no Pazo Provincial cos representantes da xunta directiva deste Grupo de Desenvolvemento Rural, co seu presidente á cabeza, Gumersindo Lamas
O presidente do goberno provincial destaca a contribución a un programa “que pon énfase nun dos grandes potenciais do noso territorio, os produtos de calidade, facilitando a recuperación de terras para novas producións agrícolas e gandeiras”
Manuel Baltar remarca que a Deputación de Ourense foi a primeira institución provincial galega en integrarse como socia, o pasado ano, nos seis GDR do seu territorio, cumprindo así o acordo unánime alcanzado no debate sobre o estado da provincia de 2021
Gumersindo Lamas define o proxecto como “unha experiencia pioneira a nivel comarcal que pretende ser unha ferramenta para xestionar e frear o abandono de terras, coa participación de oficinas agrarias, asociacións profesionais e a universidade”
A Deputación de Ourense impulsará co seu apoio o proxecto “Aterra”, un plan pioneiro promovido polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Limia-Arnoia para facilitar a creación de iniciativas agrogandeiras a través dun novidoso programa de xestión de terras. Así o avanzou o presidente da Deputación, Manuel Baltar, logo da reunión que esta mañá mantivo no Pazo Provincial co presidente do GDR e alcalde de Sarreaus, Gumersindo Lamas; a secretaria do grupo e alcaldesa de Porqueira, Susana Vázquez; o alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, como membro da xunta directiva; e a xerente da entidade, Eva González.
Tras coñecer os detalles desta iniciativa, Manuel Baltar comprometeu o apoio do goberno provincial a un proxecto que cualificou como “exemplo da suma de esforzos para xerar riqueza e emprego no rural”. Unha contribución, dixo, “que pon énfase nun dos grandes potenciais do noso territorio, como son os produtos de calidade, facilitando a recuperación de terras para novas producións agrícolas e gandeiras ”.
Para Manuel Baltar, “a Deputación, como organismo de cooperación, ten que estar ao carón dos proxectos que dinamizan a provincia e teñen como obxectivo prioritario beneficiar ao rural”. Neste sentido, lembrou que a Deputación de Ourense foi a primeira institución provincial galega en integrarse como socia, o pasado ano, nos seis GDR do seu territorio, cumprindo así o acordo unánime alcanzado no debate sobre o estado da provincia de 2021 que abriu unha liña de cooperación técnica, xurídica e económica.
Precisamente a esta vía de colaboración referiuse o presidente do goberno provincial, que avanzou, ante o prantexamento de Gumersindo Lamas, o mantemento das axudas económicas habilitadas o pasado ano para os seis grupos ourensáns (Ourense-Adercou; Carballiño-Ribeiro; Monteval; Sil-Bibei-Navea; e Limia-Arnoia), ademais do soporte que ofrece a institución provincial a través dos seus diferentes servizos.
25 municipios de catro comarcas integrados no plan
Gumersindo Lamas tamén formulou a necesidade de contar co apoio da Deputación para desenvolver algúns aspectos do proxecto “Aterra”, no que participan 25 municipios ourensáns das comarcas de Allariz-Maceda, A Limia, Baixa Limia e Terras de Celanova, integrados neste GDR.
A través deste plan ponse en contacto a persoas que demandan terra, para crear ou ampliar explotacións gandeiras ou agrícolas, cos propietarios de fincas que estean interesados en formalizar a súa cesión, aluguer ou venda. “Unha experiencia pioneira a nivel comarcal -declarou Gumersindo Lamas- que pretende ser unha ferramenta para xestionar e frear o abandono de terras e na que participan oficinas agrarias, asociacións profesionais e a universidade”.
Asesoramento, mapa de usos e parcelas dispoñibles e rede de contactos
O programa ofrece asesoramento técnico a todas as persoas que posúan propiedades e desexen participar nesta iniciativa. Incorporará tamén un mapa cos usos actuais do solo e maila identificación daquelas áreas con maior demanda de terra agraria e as parcelas dispoñibles. Ademais, crearase unha ampla rede de contactos cos axentes sociais do territorio, “claves para o éxito deste proxecto pois son eles os que teñen contacto directo dos demandantes e ofertantes de terreos”, subliñou Lamas.
“Aterra” nace no marco da Lei de recuperación de terra agraria en Galicia, sendo un dos eixos centrais da estratexia de desenvolvemento local que está a deseñar o GDR Limia-Arnoia para o período 2023-2027.