Home Deputacións Deputación Pontevedra Deputación de Pontevedra e CSIC intervirán en oito xacementos da provincia

Deputación de Pontevedra e CSIC intervirán en oito xacementos da provincia

- Anuncio -

As actuacións son o resultado da convocatoria aberta aos concellos na que foron seleccionados Cambados, Catoira, Cuntis, Forcarei, Fornelos, Mondariz, Oia e Vilagarcía

As institucións difundirán o patrimonio arqueolóxico cun ciclo de conferencias e unha exposición permanente no Pazo de Liñares co material recuperado en Bendoiro (Lalín)

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o investigador do CSIC-INCIPIT César Parcero presentaron hoxe en rolda de prensa o proxecto que ambas institucións van desenvolver neste 2023 e 2024 –do que Parcero é ademais coordinador– no marco do convenio para a realización de actividades para a difusión, protección e fomento do valor cultural dos bens patrimoniais da provincia, dotado de 270.000 euros. Constará de intervencións en espazos de interese arqueolóxico, charlas e conferencias e a recuperación de materiais do Castro de Bendoiro.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, cualificou o proxecto como “dun enorme valor” e asegurou que a institución está “encantada de traballar co INCIPIT para a posta en valor do patrimonio arqueolóxico da provincia, que é marabilloso e único”. A presidenta avanzou que “este proxecto terá continuidade, porque todo o traballo desenvolvido deunos moito coñecemento”, e lembrou a ligazón entre este e a campaña turística 2023 ‘Orixe Rías Baixas’. “Hai centos e miles de anos aquí xa houbo xente que deixou a súa cultura ou o seu patrimonio. Recuperamos a orixe da man dunha institución con moito coñecemento acumulado, que nos permite facer as cousas ben”, concluíu. A presidenta tamén puxo en valor o “carácter democrático” do proxecto, xa que “contactamos cos concellos con xacementos para informalos do proxecto, e aqueles que mostraron interese foi cos que acordamos os lugares de intervención”. Pola súa banda, o coordinador César Parcero asegurou que este convenio “é unha achega moi interesante, por parte dun organismo público, para axudar os concellos e a cidadanía a coñecer mellor os sitios patrimoniais do seu arredor e darlles un valor social que enriqueza as súas formas de vida”.

Tres liñas de actuación para afondar na riqueza arqueolóxica da provincia
A principal liña de actuación incluída no actual proxecto é a de intervención en espazos de interese arqueolóxico da provincia. Entre 2023 e 2024, o persoal do INCIPIT fará oito actuacións de campo, catro xa neste ano na Illa de San Sadurniño (Cambados), as Torres de Oeste (Catoira), Castrolandín (Cuntis) e os Chozos do Alén (Fornelos). Xa no 2024 actuarase no Castro de Garellas (Forcarei), os Petróglifos de Gargamala (Mondariz), o Cano dos Mouros (Oia) e Castro Alobre (Vilagarcía).

Os xacementos foron escollidos entre as propostas que presentaron os concellos a unha convocatoria aberta, transparente e con concorrencia competitiva. Serán intervencións de mínima invasión, capaces de proporcionar información sen producir grandes impactos con técnicas como a teledetección con drons ou prospeccións xeofísicas do subsolo. Ademais, estudaranse materiais de intervencións recentes, ou que se conserven en museos da provincia (Museo de Pontevedra), organizaranse charlas ou visitas guiadas e tamén montaxes expositivas.

A segunda liña é a de charlas e conferencias para a divulgación do coñecemento científico á sociedade en sete centros de ensino e dous centros públicos. Carlos Otero Vilariño impartirá a conferencia “Banquete na Lanzada (dieta e cultura material galaica)” no IES de Vilalonga (Sanxenxo), César Parcero as conferencias “Vivindo no deserto 1000 anos atrás” no IES Pazo da Mercé (As Neves) e “Enigmáticas marcas arqueolóxicas na paisaxe… ou non tanto” no IES de Coruxo en Vigo, e Xosé Lois Armada falará sobre “Ovellas, touros e porcos: Sacrificios de animais na idade de Ferro” no IES Val do Tea (Ponteareas) e sobre “Ouro, estaño e bronce: traballando o metal nos castros galaicos” no Pazo de Liñares (Lalín). Ademais, María G. Faro intervirá no IES de Poio para falar sobre “Machados da Prehistoria recente na costa pontevedresa. Chatarra ou tesouro”, Cristina Incio del Río versará sobre a “Arqueoloxía dunha aldea abandonada: As paredes vellas de Silvaescura” no IES Chano Piñeiro (Forcarei), Noemí Sánchez Silva impartirá a conferencia “Actividade metalúrxica e contaminación atmosférica desde a Prehistoria” no IES San Paio (Tui) e, por último, Laura Muñoz Encinar celebrará a conferencia “Baixo terra: Investigando os conflitos do pasado contemporáneo” na sede da Deputación en Vigo.

Por último, Deputación e INCIPIT-CSIC colaborarán para estudar e restaurar unha selección de materiais procedente das intervencións efectuadas no Castro de Bendoiro (Lalín) en 2006 e 2007, cos que se elaborará unha exposición no Pazo de Liñares. A mostra é moi representativa dos asentamentos humanos na comarca de Deza, onde se atopan xacementos ocupados durante períodos extensos de tempo, e inclúe un arame de ouro, un brazalete de cobre, fíbulas ou colgantes de bronce, unha moeda romana ou vasos cerámicos. Estes materiais son de diversas épocas, como o Calcolítico, a Idade de Ferro ou o mundo romano.

César Parcero detallou esta actuación, xurdida a raíz dos traballos do AVE. “Queremos recuperar os materiais para que se poidan expoñer permanentemente no Pazo de Liñares. É o lugar natural onde ser expostos e gozados pola cidadanía, xa que é o máis próximo a onde foron atopados e onde podemos ofrecer un relato moito máis interesante”, asegurou. Parcero puxo en valor algúns exemplos como os obxectos elaborados con materiais metálicos menos habituais (o arame de ouro ou o brazalete de bronce) “xa que non son da época castrexa pero apareceron na súa contorna, o que nos levou a formularnos a pregunta de que facían materiais tan antigos, de mil anos antes, nese lugar: probablemente fose un lugar de enterramento dunha ocupación anterior”, sinalou.

Relacionadas

O Rosal recuncho a recuncho coa nova andaina interpretativa pola Senda dos Pescadores

0
A ruta será o 19 de maio e terá unha dificultade baixa-moderada. As persoas interesadas en participar deberán inscribirse a partir do 8 de...

A horta urbana do concello de Nigrán na Ramallosa cumpre 2 anos de funcionamento...

0
A esta súmase outro espazo municipal de 104 metros cadrados adicados ao cultivo no parque Vázquez Grela. Entre ambas, preto de 40 veciños traballan...

Alumnado dos colexios Josefinas e Padre Feijóo Zorelle celebran o Día de Europa na...

0
A vicepresidenta primeira da Deputación de Ourense, Marta Nóvoa, recibiu esta mañá no Salón de Plenos do Pazo Provincial, a preto de medio cento...

A alcaldesa de Mos estuda co novo Conselleiro, José López, importantes proxectos culturais para...

0
Destacan entre eles a terceira fase da rehabilitación da antiga Reitoral de Petelos e a posta en valor do Castro de Torroso A alcaldesa de...

O concello de Bueu consegue o distintivo azul para o Estaleiros de Purro e...

0
• Este espazo, englobado na zona da Banda do Río, recibe por primeira vez o galardón polo que, segundo destaca o alcalde, “seguimos reforzando...

Alcaldes dos 5 concellos con cárceres reúnense en Madrid con representantes de institucións peninteciarias

0
Solicitan unha compensación económica pola prestación de servizos públicos municipais e polo custo reputacional e o impacto que supón na súa imaxe dispoñer deste...

Publicacións Relacionadas