• A Corporación tomou o acordo plenario con urxencia e en tempo récord o 29 de decembro para que o ente provincial dispuxera canto antes das transferencias necesarias para seguir co expediente que permitiría executar as obras de mellora do vial
O Concello de Cerdedo-Cotobade despois de apurar ao máximo a sinatura do convenio remitido pola Deputación para executar a mellora da estrada Fondós-Bugarín, agarda que o ente provincial axilice canto antes o expediente para que se acometan de inmediato as obras pendentes neste tramo da EP-7102, da estrada entre Serrapio e Portela, en Quireza, de apenas un quilómetro de lonxitude e que pasará a dispoñer dunha calzada de 7 metros de ancho.
O alcalde, Jorge Cubela, lembra que “nos chegou o convenio da Deputación de Pontevedra na semana do Nadal, moi complicada polas propias características desas datas, e o 29 de decembro celebramos de urxencia un pleno extraordinario para poder aprobalo e dotalo económicamente con fondos propios do Concello e poder así sufragar as expropiacións das parcelas que non se conseguiran a título gratuíto, que realmente foron moi poucas xa que practicamente todo o mundo colaborou. Fixemos un traballo inxente para conseguir o 95% das parcelas cedidas polos veciños e transferilas á Deputación en tempo récord para cumprir cos requisitos legais”.
AGORA TODO ESTÁ NAS MANS DA DEPUTACIÓN
“Agora, tomado o acordo polo Pleno e feita a transferencia á Deputación no mesmo día da celebración da xuntanza plenaria, todo está en mans do ente provincial. Terá que facer o proxecto de expropiación e licitar a obra.
Non hai volta atrás. Desta vez, este tramo de apenas un quilómetro vaise executar con dous carrís de 3,50 metros de ancho cada un e unha marxe de 50 centímetros a cada beira”, continuou Cubela.
Esta obra vai supoñer un investimento aproximado de medio millón de euros e o alcalde manifestou “sentírmonos moi orgullosos polas xestións e o traballo feito. Vaise investir aproximadamente medio millón de euros como resultado da capacidade negociadora e de xestión do equipo de goberno, sobre todo polo labor desenvolvido pola tenente de alcalde Lourdes Ovelleiro e a concelleira Belén Casado. Fixemos un bo traballo de recollida de sinaturas de cesión dos veciños propietarios sobre todo porque se fixo en tempo récord. Agora so queda que a Deputación continúe co labor e axilice canto antes os trámites para que esta obra se culmine de xeito satisfactorio para todos, especialmente os veciños”, dixo Cubela.



