- O club local, a SD Pazos, recibe este mércores ao equipo de primeira División, Noia Portus Apostoli.
- O pavillón municipal dos Deportes de Borbén xa se está preparando para a celebración dun dos partidos máis importantes nos 100 anos de historia da SD Pazos, os cuartos de final da Copa de Galicia de fútbol sala. O encontro celebrarase o 8 de febreiro a partir das 20:30 horas e será única oportunidade de toda a tempada de ver a un equipo de Primeira División na provincia de Pontevedra.
- “Recibir a un club desta categoría nun partido desta importancia é o premio a moitos anos de traballo”, explicou o presidente do club, Manuel Ferreiro, que destacou a importancia do logro do equipo xa que este encontro “non podía ser máis especial para nós que chegar xusto no ano do noso centenario”.
- Esta é a terceira vez na historia do club na que se alcanza esta eliminatoria, as dúas veces anteriores perdeuse co Lobelle de Santiago, polo que desde o club explican que por “as opcións de pasar a semifinais son poucas, pero a ilusión e o traballo é enorme”, apunta o adestrador, Fran Amoedo.
- A entrada para o encontro será gratuíta para todos os socios da entidade e terá un custo de 5 euros para o público xeral. Antes do partido sortearanse camisetas doadas por varias personalidades como Pachu e Pola, xogadores do Levante FS e o Inter Movistar respectivamente, o medallista olímpico Nico Rodríguez e o preparador físico da selección de Marrocos, Juan Solla.



