HomePontevedraPoioPromoción Económica inicia unha nova edición do seu programa de cursos de...

Promoción Económica inicia unha nova edición do seu programa de cursos de formación para fomentar a busca de emprego

- Anuncio -spot_img

• O edil responsable da área, Gregorio Agís (PSOE), explica que esta semana comezará o ciclo de loxística e distribución con carretilla elevadora, ao que seguirán sesións sobre caixa e reposición, expendedor de combustible e recepcionista de aloxamentos turísticos

• Neste mes de febreiro tamén darán comezo cursos específicos para profesionais do sector do marisqueo a pé, puntuables para a obtención do Permex

Este mércores 8 de febreiro a Concellería de Promoción Económica inicia unha nova edición do seu programa de formación, logo do éxito acadado durante a anterior convocatoria, na que se encheron o 100% das prazas ofrecidas. O edil delegado da área, o socialista Gregorio Agís, explica que esta oferta gratuíta organízase de novo tendo en conta a alta demanda por parte da cidadanía. “Deseñamos esta programación en base ás peticións que nos traslada a veciñanza”, sinala. Así, o ciclo que inaugurará esta edición será o de loxística e distribución con carretilla elevadora, que concluirá o 3 de marzo. Posteriormente, ata o día 31 do citado mes, chegará a quenda do curso de caixa e reposición, mentres que a terceira quenda corresponderá á de expendedor de combustible, do 12 de abril ao 5 de maio”. A última actividade correspondente ao primeiro semestre do ano será o curso de recepcionista de aloxamentos turísticos, coas mesmas datas.

Todas estas iniciativas desenvolveranse no Centro de Formación da Reiboa, na parroquia de San Xoán, en horario de 9.00 a 14.00 horas. Ademais, todas elas contarán tamén con sesións prácticas. As inscricións poden realizarse chamando ao número de teléfono 986770001 (extensión 1260) ou enviando un correo electrónico a promocioneconomica@concellopoio.org. Gregorio Agís informa, asemade, de que tamén está aberto o prazo para anotarse nas formacións específicas que desde a Concellería de Promoción Económica se poñen a disposición dos e das profesionais do marisqueo a pé, puntuables para o Permex, e que desde Promoción Económica se levan desenvolvendo con asiduidade desde hai varios anos. O primeiro destes ciclos dará comezo o 14 de febreiro, ata o día 17, e versará sobre manipulación de produtos pesqueiros frescos. Será en Raxó, de 9.30 a 13.30 horas (salvo o día 14, que o horario será de 10.00 a 13.00 horas).

Xa no mes de abril, haberá un curso formativo sobre cooperativa para marisqueo a pé, entre os días 10 e 18, cunha duración de 30 horas. A última proposta chegará do 23 de febreiro ao 8 de marzo e serán sesións de habilidades sociais para o sector. O titular da área incide na importancia de seguir promovendo iniciativas deste tipo, encamiñadas a reforzar a formación “nalgúns dos sectores máis relevantes na dinamización económica e social do noso concello”.

Agís tamén salienta que Poio rematou o primeiro mes de 2023 mantendo o número de desmpregados e desempregadas por debaixo das 1.000 persoas (908), o que supón preto de 100 menos con respecto a xaneiro de 2022. “Temos que seguir traballando para axudar a que estas cifras sigan remitindo, maila que non sexa unha competencia plena e directa da Administración local”, conclúe.

Publicacións Relacionadas