O presidente da Deputación, en calidade de anfitrión, abriu hoxe a reunión da comisión de Deputacións, Cabidos e Consellos Insulares da FEMP, reunida no Centro Cultural Marcos Valcárcel: “Non hai ningún outro foro neste país no que estean sentados os representantes dunhas institucións que poidan ofrecer unha visión actual dos 8.131 municipios españois”
Manuel Baltar, que hoxe cumpre 11 anos como presidente da Deputación, recoñeceu a “honra que supón a presenza en Ourense dos máximos responsables dos gobernos provinciais de España para falar do estado actual, do futuro e de intercambio de experiencias, pero sobre todo da necesidade destes organismos”
Agradecidos pola acollida, o presidente e o vicepresidente da comisión, Francisco Reyes e Javier Aureliano García, felicitaron a Manuel Baltar como “referente de políticas provinciais” no conxunto de España
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, defendeu hoxe que “a forza dos gobernos locais intermedios radica na nosa capacidade de representación como voz única”, avogando por manter unha liña de traballo “que contribúa a destacar o papel esencial que xogamos na arquitectura xurídico-institucional do Estado”. Manuel Baltar abriu con estas palabras a reunión da Comisión de Deputacións, Cabidos e Consellos Insulares da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), reunida esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel.
En calidade de anfitrión, Manuel Baltar recoñeceu a “honra que supón a presenza en Ourense dos máximos responsables dos gobernos provinciais de España para falar do estado actual, do futuro e de intercambio de experiencias, pero sobre todo da necesidade destes organismos”. O presidente da Deputación de Ourense quixo subliñar que “non hai ningún outro foro neste país no que estean sentados os representantes dunhas institucións que poidan ofrecer unha visión actual dos 8.131 municipios españois”. Nesta comisión, engadiu, “sabemos da Á a Z cales son as súas expectativas e as súas demandas, e ese é o papel vertebrador que xogan estes gobernos”.
Manuel Baltar, que hoxe cumpre 11 anos como presidente da Deputación, lembrou que xa en 2014 “iniciamos en Ourense a conferencia de presidentes de gobernos provinciais da man da Fundación Democracia e Goberno Local, o think-tank máis importante do mundo local español, e que tamén se consolidou co paso do tempo como un momento único para a interrelación entre os presidentes destes gobernos”.
Manuel Baltar, que definiu a todos os presentes como “grandes defensores da cooperación como palabra máxica”, tamén quixo destacar a importancia que para os gobernos locais intermedios ten a modificación da lei electoral, “para que sexamos órganos de elección directa”, un aspecto que contribuirá a impulsar o papel esencial destas institucións.
Solidariedade con Turquía e Siria
O presidente da Deputación de Ourense puxo o acento solidario a esta convocatoria cun recordo para os gobernos e cidadáns de Turquía e Siria, onde un forte terremoto rexistrado esta madrugada deixou ata o momento un tráxico saldo de máis de 1.500 vítimas mortais.
Con anterioridade ao comezo das sesións de traballo, Manuel Baltar acompañou na sala de prensa do Pazo Provincial ao presidente da comisión e da Deputación de Xaén, Francisco Reyes, e ao vicepresidente e titular do goberno provincial de Almería, Javier Aureliano García.
Última reunión fóra da sede da FEMP antes das eleccións municipais
Francisco Reyes agradeceu a acollida en Ourense e nunha Deputación “que é consciente do papel que ten que xogar o municipalismo e, neste caso, os gobernos locais intermedios”. Esta reunión, explicou, é a penúltima convocatoria antes das eleccións municipais de maio, “pero a última que se celebra fóra da sede de FEMP, pois en 2015 acordamos que fose rotatoria polas distintas comunidades autónomas para dar visibilidade ao papel das deputacións, cabidos e consellos insulares, obxectivo que creo conseguido”.
Manuel Baltar, “referente” como presidente provincial en España
Javier Aureliano García tamén expresou a súa felicitación pola acollida en Ourense dispensada por Manuel Baltar “referente como presidente no conxunto de España; un espello no que moitos presidentes mirámonos para aprender das políticas que se están levando a cabo nesta provincia e aplicalas noutros territorios”.



