HomeTabeirósCerdedo - CotobadeO Concello de Cerdedo-Cotobade celebrará o seu Entroido con desfiles en Cerdedo...

O Concello de Cerdedo-Cotobade celebrará o seu Entroido con desfiles en Cerdedo o domingo 19 e en Carballedo o sábado 25 de febreiro

- Anuncio -spot_img

• Os pavillóns municipais acollerán sendas festas para toda a familia amenizadas con música para bailar, xogos, a barredora humana, pista de obstáculos, ludoteca, obradoiros e inchables.

O Concello de Cerdedo-Cotobade celebrará o Entroido 2023 cunha programación que terá como eixos fundamentais os concursos de disfraces que terán lugar durante os desfiles que se farán o 19 de febreiro en Cerdedo e o 25 en Carballedo.

O desfile de Cerdedo terá lugar o domingo, 19 de febreiro, e sairá ás 16.00 horas dende o Centro Cultural. Todos os participantes desfilarán e mostrarán as súas habilidades ao público no pasarrúas ata o pavillón municipal. No caso de Carballedo, a marcha celebrarase o sábado, 25 de febreiro. A saída está programada para as 16:00 horas dende a Praza da Chan. Alí, os participantes percorrerán as rúas alegrando e divertindo aos espectadores cos seus bailes ata o pavillón de deportes, última parada prevista pola organización.

En ambas datas, a partir das 17:00 horas, tanto no pavillón de Cerdedo como no de Carballedo, participantes, o público asistente e tamén visitantes, desfrutarán dunha festa e baile de disfraces, con actividades para toda a familia como a barredora humana, pista de obstáculos, ludoteca, obradoiros, inchables ou disco infantil.

Todas aquelas persoas e grupos que queiran participar na edición deste ano poderán inscribirse de luns a venres, nas oficinas municipais, en horario de 9 a 14 horas, cubrindo un impreso normalizado facilitado para ese efecto. Ademais, a organización tamén pon a disposición das persoas interesadas en participar no entroido a posibilidade de inscribirse a través de correo electrónico. O impreso pode ser descargado dende a páxina web www.cerdedo-cotobade.gal e deberá ser presentado (xunto coa copia do DNI, enderezo e lista das persoas participantes) ben no Consistorio, ou ben a través do correo electrónico omix@cerdedo-cotobade.gal.

A inscrición quedará pechada o día 16 de febreiro ás 12 horas para as persoas que participen no Entroido de Cerdedo ou no de Cerdedo e Carballedo. Existe un prazo extraordinario para aquelas persoas que só participen no desfile de Carballedo. Terán ata as 14:00 horas do 23 de febreiro.

As categorías ‘Adultos’ e ‘Infantil’ poderán inscribirse o mesmo día do desfile (día 19 en Cerdedo e día 25 en Carballedo), nunha lista habilitada ao efecto e antes das 17:00 horas.

Os premios do desfile aos que se poderán optar son os seguintes:
a) FIXOS, Grupos do Concello
De 10 a 15 participantes………………………………125 euros (1 desfile) / 150 euros (2 desfiles).
De 16 a 25 participantes………………………………150 euros (1 desfile) / 175 euros (2 desfiles).
Máis de 26 participantes………………………………225 euros (1 desfile) / 250 euros (2 desfiles).
b) Adultos
Premio único individual…………………………………..75 euros.
Premio único parella…………………………………..100 euros.
d) Infantil
Premio único individual…………………………………….50 euros.
Premio único parella…………………………………….75 euros.

As persoas inscritas que desexen optar aos premios deben participar no desfile e na posterior festa no pavillón, cando sexan chamados pola actuación musical.

De non ser así serán automaticamente descartadas do concurso. Así mesmo, a organización poderá deixar deserto calquera dos premios previstos en función de que se considere que ningún dos participantes reúne méritos suficientes para poder levalo. O fallo do xurado será inapelable e será emitido ao final do percorrido do desfile, durante a festa e baile no pavillón.

Polo que respecta aos disfraces que entren en concurso, valorarase a súa orixinalidade, dificultade na súa elaboración, así como o bo humor e a soltura desenvolvida polos participantes no desfile.

En caso de que as condicións meteorolóxicas non acompañen, tanto en Cerdedo como en Carballedo, todas estas celebracións trasladaranse directamente ao pavillón ás 17:00 horas.

Publicacións Relacionadas