HomePontevedraPresentación do informe A paradiplomacia en Europa. Os casos de Galiza, Aland,...

Presentación do informe A paradiplomacia en Europa. Os casos de Galiza, Aland, Flandres e Grenlandia

- Anuncio -spot_img

A Fundación Galiza Sempre presenta o informe “A Paradiplomacia en Europa: os casos de Galiza, Aland, Flandres e Grenlandia”, impulsado polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI).

O informe recóllese nunha obra editada e financiada pola Coppieters Foundation que será presentada o vindeiro venres 10 de febreiro ás 20h na Casa das Campás de Pontevedra. No acto intervirá a vicepresidenta da Fundación Galiza Sempre, Ana Miranda, e as autorías do informe: Daniel González, Serafín Pazos-Vidal, Marola Padín e Tamara Espiñeira.

Neste traballo o IGADI non só analiza a paradiplomacia na Galiza, tamén estuda outras tres realidades moi diferentes e amplamente descoñecidas para a maioría das galegas e galegos: as Illas Aland, Flandres e Grenlandia. O feito de optar por unha metodoloxía de política comparada á hora de abordar este tema permite, ademais de actualizar análises, poder contrastar potencialidades para o noso país en base as actuais políticas en materia de paradiplomacia que xa se desenvolven noutras nacións sen estado ou noutro tipo de entidades non estatais.

O documento pode descargarse nunha versión conxunta galego/inglés na páxina web da Fundación Coppieters: ideasforeurope.eu. Os capítulos que conforman o libro están redactados por profesionais e persoal investigador que teñen unha ampla traxectoria neste ámbito de estudo:
• Daniel González Palau é Director do IGADI, licenciado en Ciencias Políticas e da Administración pola USC con mestrados en Cooperación Internacional e Xestión Cultural e desde o 2014 é o responsábel da investigación “Unha historia para o s. XXI” arredor do desenvolvemento da Lei Paz Andrade en Galiza.
• Serafín Pazos-Vidal é Doutor en Unión Europea, licenciado en Ciencias Políticas e da Administración e actualmente é experto sénior da AEIDL (European Association for Innovation in local Development).
• Marola Padín Novas é Vicedirectora do IGADI, analista do Observatorio de Política China (OPCh), licenciada en Ciencias Políticas pola rama de Relacións Internacionais e actualmente profesora de chinés.
• Tamara Espiñeira é Politóloga, Doutora en Xeografía e profesora de Ciencias Políticas na Universidade de Rennes. Está especializada na dimensión europea das estratexias urbanas e propuxo un novo enfoque para a diplomacia urbana na súa tese de doutoramento.
O Padroado da Fundación Galiza Sempre fixo unha valoración moi positiva deste traballo, pois a colaboración con outras entidades forma parte do ADN da FGS. Este informe que vén de ver a luz en forma de libro permitiunos volver a colaborar con outras entidades especialmente relevantes nos seus ámbitos de actuación, como son a Coppieters Foundation e o IGADI. Na traxectoria histórica do nacionalismo galego tense abordado de forma moi tanxencial un tema que, realmente, é chave para unha nación sen estado como é a paradiplomacia. Neste senso, o informe supón unha excelente oportunidade para afondar nel.
Hoxe en día resulta básico para aquelas nacións que aspiran á súa autodeterminación o recoñecemento do seu carácter nacional no ámbito internacional. Nese sentido, as relacións paradiplomáticas son esenciais. Máxime nun mundo tan volátil como o actual, cada vez menos unipolar e máis multicéntrico e onde moitos esquemas do século XX non valerán para enfrontar os retos do século XXI.

Lugar: Sala de Conferencias da Casa das Campás de (Pontevedra)
Data: venres 10 de febreiro
Hora: 20:00

Publicacións Relacionadas