• ESTÁN PROGRAMADAS PRETO DE 100 DEMOSTRACIÓNS DISTINTAS, MOITAS DAS CALES SE REPITEN DE FORMA CONTINUADA
• OS 36 SOCIOS DA AGRUPACIÓN DE SUMINISTROS INDUSTRIALES DE ESPAÑA (ASIDE), CENTRAL DE COMPRAS QUE CONTA CUN VOLUME DE FACTURACIÓN DE 260 MILLÓNS DE EUROS, VISITAN HOXE A FEIRA PARA COÑECER A OFERTA E MANTER REUNIÓNS COS EXPOSITORES
A Feira Profesional de Subministracións e Ferraxería Industrial, Protección Laboral e Maquinaria, EXPOFERR 2023, a cal se celebra desde onte e ata mañá na Feira Internacional de Galicia ABANCA, continúa hoxe con protagonismo das demostracións e os encontros de negocio.
En canto ás probas de produto, contan con gran importancia nesta cuarta edición do certame. Así, están programadas preto de cen distintas, moitas das cales se repiten de forma continuada.
Un número que hoxe cobra relevancia e que inclúe demostracións, entre outras moitas novidades, dun bloqueante de lume orgánico co que as substancias desprendidas non supoñen toxicidade, diversos tipos de soldadura MIG/MAG a gas e arco metálico, desbaste especial para aceiro e inox, uso de diferentes tipos de ancoraxe para arxila, madeira ou aceiro, traballos en altura con sistemas de cordas con e sen absorbedor de enerxía, traballos de rescate, ferramentas a batería tanto para para uso industrial como para xardín ou un sistema de almacenaxe para furgonetas.
Networking cos socios de Aside
Os encontros de negocio destacan tamén hoxe en Expoferr 2023. Así, aos contactos que os expositores manteñen desde onte cos visitantes profesionais que acoden á feira, hoxe súmase a visita dos 36 socios da Agrupación de Suministros Industriales de España (ASIDE), central de compras que conta cun volume de facturación de 260 millóns de euros.
Así, estes asociados manteñen desde primeira hora da xornada reunións cos expositores de Expoferr, co obxectivo de coñecer potenciais provedores e afianzar as relacións co que xa o son, en busca ademais de garantía e estabilidade na cadea de subministracións.
Ademais destes encontros, que están a multiplicar a actividade na Sala Networking de Expoferr, os asociados de Aside tamén tiveron onte ocasión de asistir a unha cea e posterior entrega de recoñecementos que outorgaron tanto esta agrupación como a empresa GSI a cinco profesionais cunha ampla e recoñecida traxectoria no sector. Eva Palacio, de Faherma; Juan Pedro Barrios, de Juba; Carlos Pujana, de Izar; Carlos del Río, de Chavesbao; e Juan Antonio Pires, de Wera, foron os galardoados.



