HomeTabeirósCerdedo - CotobadeCubela compromete apoio total do Concello á promoción do deporte base que...

Cubela compromete apoio total do Concello á promoción do deporte base que realizan as Escolas Deportivas

- Anuncio -spot_img

• O alcalde incentivará a colaboración entre institucións para sacarlle o maior partido ao campo de fútbol das Extremas

O alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e o concelleiro de Deportes, Bruno Portela, mantiveron unha reunión de traballo cos directivos das Escolas Deportivas, Rosa Pérez e Marcos Gallego, durante a cal os representantes municipal comprometéronse a seguir mantendo o apoio institucional ao labor de promoción da práctica do deporte base entre os nenos e nenas da veciñanza.

Cubela explicoulles que o Concello contempla para este ano nos orzamentos municipais unha partida específica para apoiar o labor das asociacións e entidades locais, veciñais, culturais e deportivas para impulsar o traballo que estas asociacións realizan a prol da dinamización social.

No transcurso da xuntanza, Jorge Cubela profundizou na necesidade de establecer fórmulas de colaboración coas Escolas Deportivas para sacarlle o maior partido ao campo de fútbol das Extremas, espazo municipal onde adestran e fomentan a práctica do deporte de base esta asociación. O alcalde tamén se comprometeu a facer melloras nas instalacións municipais das Extremas e recordou que “remodelar o campo de fútbol e dotalo de herba artificial foi un dos nosos compromisos cando chegamos ao Concello e continuaremos pola senda de seguir mellorando este espazo deportivo para favorecer a práctica do deporte e o traballo das Escolas Deportivas”, sinalou Cubela.

Jorge Cubela agradeceu aos membros da directiva das Escolas Deportivas “o impagable labor que desenvolven a prol do deporte base e o fomento das prácticas saudables entre a mocidade así como polo dinamismo que imprimen á mocidade cos distintos equipos federados que en torno ao fútbol base manteñen activos desde o campo municipal das Extremas. É un orgullo para todos nós ver como nenos e nenas enchen o campo de
fútbol, divírtense e fórmanse como persoas co deporte, o compañeirismo e as prácticas saudables como guía fundamental do seu comportamento”, indicou o alcalde.

Finalmente, Cubela animounos a seguir pola mesma senda de traballo e colaboración e comprometeuse a apoiar ao máximo, dentro das posibilidades do Concello, para que as Escolas Deportivas acaden os seus obxectivos formativos e de fomento da práctica deportiva entre a mocidade.

Publicacións Relacionadas