HomeOurenseO Concello inicia este sábado os obradoiros temáticos no Montealegre para achegarlle...

O Concello inicia este sábado os obradoiros temáticos no Montealegre para achegarlle á infancia o medio natural e fomentar o respecto pola contorna

- Anuncio -spot_img

Todas as actividades son gratuítas, con prazas limitadas, e desenvolveranse nas fines de semana de 16.00 a 18.00 horas

Traballos manuais con material de reciclaxe, plantación de sementes ou visitas guiadas para recoñecer as especies, entre os talleres para este primeiro trimestre do ano

O Concello de Ourense quere achegar a infancia ao medio natural e promover o respecto pola súa contorna máis próxima, e este sábado retoma os obradoiros temáticos no parque de Montealegre. Neste primeiro trimestre haberá talleres de máscaras e disfraces de Entroido, elaboración de zoolóxicos con cartolina e outros materiais reciclados e rutas para observar o parque.

Entre os obxectivos desta programación, o Concello quere dar a coñecer o parque de Montealegre, impulsar a imaxinación e a creatividade dos participantes, fomentar a reciclaxe e a prevención de residuos, propoñer alternativas de lecer á tecnoloxía e incentivar a participación da rapazada en actividades sociais. Desenvolveranse en fin de semana en horario de 16.00 a 18.00 horas de forma gratuíta.

As prazas son limitadas, polo que haberá que anotarse previamente no enderezo de correo electrónico sm.p.montealegre@gmail.com ou no teléfono 988.388.135.

Máscaras de Entroido – Sábado, 18 de febreiro

Dirixida a público de 6 a 12 anos. Elaboraranse caretas e antefaces con material reciclado e aproveitarase para falar do contexto e da importancia desta festa na provincia de Ourense.

Disfraces de Entroido – Domingo, 19 de febreiro

Dirixida a público de 6 a 12 anos. Aproveitaranse materiais naturais (follas, piñas caídas, paus…) para elaborar disfraces orixinais, personalizados e elaborados artesanalmente con poucos recursos.

Xermina as túas sementes – Sábado, 25 de febreiro

Dirixida a público de 5 a 10 anos. Cultivaranse sementes de época en recipientes sostibles. Así mesmo, haberá unha parte didáctica sobre o proceso de semente a planta ou árbore.

Percorre o Botánico: Ruta de observación – Domingo, 26 de febreiro

Dirixida a familias. Armados con papel e lapis, os participantes percorrerán o Montealegre para recoñecer as diferentes especies arbóreas, a función que desempeñan, os usos que poidan ter e o seu comportamento no hábitat.

Zoolóxico de cartolina – Sábado, 11 de marzo

Familias e rapazada de 4 a 9 anos. Elaboración de formas e figuras relacionadas coa contorna natural.

Portalapis con material reciclado – Domingo, 12 de marzo

Dirixida a público de 6 a 12 anos. A partir de material reciclado, elaboraranse portalapis con deseños orixinais.

Mural de Primavera – Sábado, 25 de marzo

Dirixida a público de 5 a 10 anos. Aprenderán a interpretar e a coñecer o mundo natural a través da observación e a creatividade a través da elaboración dun mural conxunto. Traballarase tamén a autonomía persoal e o respecto cara aos demais.

Traballos manuais con palliñas – Domingo, 26 de marzo

Dirixida a público de 5 a 12 anos. Utilizaranse palliñas de distintas cores para crear ornamentos como colares, aneis, xoguetes, marcos de fotos…

Publicacións Relacionadas