A súa presidenta, María Pérez, critica o “deixamento” do Concello cunha das parroquias máis poboadas de Vigo
A Federación de Asociacións Veciñais de Vigo Eduardo Chao (Favec) urxe novamente o arranxo do muro de Camiño Freixeiro apontoado en outubro de 2019 despois da caída de dúas dos puntais que evitan o esborralle da estrutura sobre o asfalto.
A presidenta da entidade, María Pérez, lembra que a reapertura do vial permitiría aliviar o tráfico na contorna do centro comercial Gran Vía e Arquitecto Antonio Palacios. “Moita xente acode á Asociación de Veciños Pontenova-Freixeiro para queixarse por isto”, detalla.
Pérez lamenta que o Concello decidise a finais do pasado mes de setembro, case tres anos despois de apontoar o muro, pedir permiso á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para arranxalo “cando sempre negara que fose da súa propiedade o terreo no que se atopa”.
A presidenta da Favec asegura que o proceder do goberno local transparenta de forma clara o seu “deixamento” cunha das parroquias que suma máis habitantes de Vigo, con preto de 6.000, e reitera o “abandono” deste barrio por parte do Concello: “Hai danos en beirarrúas, sucidade e fochancas e gretas no asfalto”.



