• O presidente do Partido Popular, Rafa Domínguez, organiza visitas e paseos co seu equipo para percorrer todos os barrios da cidade e “compartir o noso proxecto de futuro con todos os nosos veciños”
• Ademais, os populares recollerán todas as demandas cidadás: “A tendencia na cidade é que toca cambio e seguiremos traballando en ofrecer a única alternativa posible ao BNG e ao PSOE”
O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, planifica unha campaña de proximidade e de “moito patear” para as próximas semanas, nas que percorrerá co seu equipo gran parte do municipio. Farao centrado en achegar in situ o seu “proxecto de cidade” ao comercio local e a hostalería.
A través de compartir este ideario, Domínguez busca “manter un diálogo social cos cidadáns e poñer en común o noso proxecto de futuro”: “O noso obxectivo non é outro que dar solución aos problemas que ten a cidadanía”. O popular insistiu en que “o visitar cada un dos comercios e locais de hostalería de Pontevedra é a mellor forma de explicar as nosas ideas e liñas de traballo”.
“Creo que toca cambio. A decadencia do Goberno local é evidente. Somos a única alternativa ao BNG e ao PSOE e non hai mellor maneira evidencialo que ir porta a porta, pateando toda a cidade, en persoa, visitando a todo o comercio local e á hostalería”, explicou o popular.



