Solventará os problemas de humidades e filtracións que, segundo recolle a memoria técnica, derivan de vicios na execución inicial
O goberno local de Cangas presenta ao Plan Concellos 2023 o proxecto de reforma e acondicionamento da piscina municipal A Balea, cifrado en 297.927 euros e que porá solución aos problemas de humidades e filtracións de auga que presentan as instalacións e que, segundo se recolle na memoria técnica, derivan de vicios de mera construcción nunhas instalacións recepcionadas inxustificadamente por un goberno do PP no ano 2015.
O goberno local considera unha prioridade social solventar as deficiencias e deterioro da piscina municipal tendo en conta a importancia que ten para a poboación usuaria destas instalacións o poder realizar en óptimas condicións as súas rutinas de exercicio periódicas.
Os traballos que se levarán a cabo na piscina comezarán coa correcta impermeabilización da cuberta, resolvendo os encontros da mesma coa fachada mediante a substitución dunha chapa plegada perimetral. Recuperarase a estrutura de madeira no exterior substituíndo os elementos en mal estado.
A actuación inclúe a colocación dun falso teito axeitado para garantir unha estabilidade duradeira adaptada á prioridade de solventar os problemas de humidades.
O proxecto prevé tamén o levantamento dos patios para proceder á impermeabilización das cubertas planas e resolvendo os encontros de dita cuberta cos lucernarios e coa fachada do edificio; así como os problemas de impermeabilización e encontro da fachada posterior semienterrada co terreo.
Con estas actuacións urxentes o goberno local confía en por freno á entrada de humidade na edificación, factor que está a provocar o deterioro acelerado do edificio.
A última fase da actuación centrarase en tratar os muros de formigón e as escaleiras cun hidrófugo e por último abordarasen os problemas existentes na praia da piscina, levantándoa e substituíndo ademáis do pavimento, tódolos elementos que sexan necesarios. Reforzarase a impermeabilización e o tratamento dos espazos de conexión.
Municipalización da piscina
Paralelamente á reforma das instalacións de A Balea o goberno local mantén a súa proposta de asumir a xestión da piscina municipal a través da constitución dunha empresa pública; opción recomendada no estudo feito, a petición da Alcaldía, polo departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela.
Neste estudo analizaronse factores como o económico-financieiro das distintas formas de xestión determinando os custos do servizo, os ingresos e a avaliación da rendabilidade económica de cada unha das formas de xestión, concluindo que a máis axeitada é a través dunha Sociedade Mercantil de capital íntegramente municipal.



