O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, dirixiuse aos milleiros de persoas que ateigaban a praza disfrazado de súper heroe
Máis de 1.500 escolares de Ourense celebraron hoxe o seu día grande de Entroido cunha grande concentración na Praza Maior, ás 11:30 horas, e o posterior desfile polas rúas máis céntricas da cidade. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, dirixiuse aos milleiros de persoas que ateigaban a praza -ademais dos 1.500 participantes, á cita acudiu numeroso público- disfrazado de súper heroe.
Acompañados por diferentes charangas e comparsas, os escolares saíron da Praza Maior cara á rúa Valentín Lamas Carvajal, o Paseo e o parque de San Lázaro. Á volta á Praza Maior foi pola rúa de Santo Domingo, praza do Ferro e rúa da Paz.
Participaron 10 centros de ensino, disfrazados de diferentes temáticas: CEIP As Mercedes, de pintores/as; CEE O Pino, de animais; CEIP Manuel Luís Acuña, de roqueiros/as; CPR Divina Pastora, de fondo mariño, a granxa e xeados; CPR Luis Vives, de Vives polo mundo; CPR Mª Auxiliadora, de personaxes históricos; CPR Concepción Arenal, de magos; CPR San Xosé, de Pablo Picasso; CPR A Purísima, de universo; CPR Maristas, de fondo mariño.
Ademais do desfile principal, houbo outros desfiles secundarios con saída ás 11:00, 12:00 e 12:30 horas respectivamente desde diferentes centros educativos da cidade.



