O xurado acordou por unanimidade, en xuntanza mantida esta mañá, concederlles o premio XVII Premio Clara Campoamor á igualdade de oportunidades ás Forzas e Corpos de Seguridade da provincia de Ourense, concretamente ás e aos axentes da UFAM (Unidade de Familia e Atención a Muller) da Policía Nacional, EMUME (Equipo de Muller e Menor) da Garda Civil, Policía Nacional adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia e ás Policías Locais incorporadas ao Sistema Vioxén, “polo esforzo e profesionalidade amosados no desempeño da atención e seguimento das vítimas de violencia de xénero da provincia de Ourense e que, coa súa constante e esixente dedicación, tentan mitigar a escaseza de recursos na nosa contorna nesta materia”.
O xurado quere que este recoñecemento “sirva de aliciente e de reforzo ás e aos axentes referenciados, polo bo traballo desenvolvido ao logo dos anos, velando sempre polo interese das mulleres en situación de violencia machista, garantindo a súa seguridade e a confidencialidade e acompañando de preto o proceso destas usuarias ata que logran normalizar a súa situación persoal, familiar e sociolaboral lonxe dos agresores”.
O xurado, reunido esta mañá nas dependencias da Concellería de Igualdade-CIMM, estivo formado por Telmo Manuel Ucha Álvarez, concelleiro de Igualdade; Mª Elena De Jesús Rodríguez, directora do CIMM; Concepción García Lozano, en representación do Consello Municipal da Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes; Mª Alida Iglesias Gil, en representación da Comisión de Investigación e Seguimento da violencia exercida contra as mulleres; José Álvarez Carballo, secretario de Igualdade, en representación do ámbito social e Mª Jesús Vázquez Fernández, xefa de negociado da Concellaría de Igualdade, que actuou como secretaria



