• O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, acompañado dos concelleiros Pepa Pardo e Pablo Fernández, presentou as súas medidas do ámbito da mobilidade e a circulación
• A reapertura da avenida de Raíña Vitoria será a primeira deste paquete de medidas que irá acompañado dun estudo dos fluxos de circulación da cidade: “Temos un profundo problema de tráfico, resultado de cortes e cambios de rúas sen ningún sustento lóxico”
• Ademais, Domínguez propón a creación de carrís bici, ampliar o tempo de estacionamento nas prazas de servizos, a mellora do transporte público ou a gratuidade do tramo Pontevedra-Varro da AP9
“A primeira decisión que tomarei como alcalde será a reapertura da avenida de Raíña Vitoria”. Así adiantou Rafa Domínguez unha das principais medidas do seu plan de tráfico, “o máis ambicioso que se levou a cabo nesta cidade”. E é que este venres, o presidente popular, acompañado dos concelleiros Pepa Pardo e Pablo Fernández, presentou as súas medidas do ámbito da mobilidade e a circulación.
Para Domínguez é fundamental, tras a reapertura de Raíña Vitoria, poñer en marcha “o maior e máis ambicioso plan de tráfico que se fixo na cidade”. Trátase dun proxecto independente, “levado a cabo por expertos na materia”, que “avalíe os fluxos de vehículos e propoña mellorar, ademais de optimizar os semáforos e os seus tempos”.
“Propoñemos a creación dunha rede de aparcamentos disuasorios na contorna da nosa cidade, nas que todos os que queiran vir á nosa cidade poidan achegarse e teñan onde aparcar con facilidade. Iso favorecerá á nosa hostalería, hotelaría e comercio local”, explicou. En relación a isto, Domínguez tamén incrementará os tempos de aparcamento nas zonas de servizo, a 30 minutos.
Potenciar o uso da bicicleta é outro dos piares nos que se sostén este proxecto integral. “Poñerase en marcha un circuíto periférico da cidade, que se comunique con Marín, con Poio e con Vilaboa. Así poderemos xerar un importante fluxo de bicicletas na nosa cidade, que ademais reducirá significativamente o uso do coche no centro da cidade, pero non de persoas”, explicou.
Sobre o transporte público, Domínguez avanzou que se estudarán coas correspondentes administracións os axustes de horarios de trens e autobuses “para comunicarnos coas cidades máis próximas”. Ademais, “tentaremos reforzar o número de frecuencias e de horarios, aproveitando as vantaxes que nos dá unha intermodal”.
Nesta liña, “axustaremos o funcionamento dos autobuses locais, cuxas paradas moitas veces son insuficientes e en demasiadas ocasións non levan a centros fundamentais, como centros de saúde”.
Por último, Domínguez incidiu na importancia de eliminar a peaxe do tramo entre Pontevedra e Barro da AP9: “Centrámonos en que Pontevedra sexa un foco de atracción para que toda a xente da zona do Salnés poida desprazarse a Pontevedra, e que a nosa cidade sexa realmente a capital da rexión. Isto, para Domínguez, xerará “vendas competitivas ás nosas empresas do polígono de Barro e reducirá significativamente o tráfico na estrada de Villagarcía, o que fará innecesaria a variante de Alba”.



