A comparsa local “O ciclo da vida” impúxose con claridade
decisión do xurado foi moi ben recibida polas veciñanza que ateigou na noite de onte domingo A Plazuela: outorgarlle o primeiro premio do Concurso de Disfraces de Pontecesures á comparsa “O ciclo da Vida”, integrada por veciños e veciñas do municipio. Unha creativa e divertida comparsa que relataba “dende o nacemento pasando polas diferentes etapas da vida”, como contaba o speaker que explicaba a actuación. Rapaces, médicos, enfermeiras, curas… cunha interpretación moi divertida.
No festival participaron preto dun milleiro de persoas e prolongouse durante máis de tres horas, xa que tras o desfile houbo festa amenizada coa música dun DJ e cun divertido fotomatón de entroido.
No que atinxe ao Concurso de Disfraces, repartíronse 1.500 euros entre máis de 150 participantes disfrazados. Os grandes gañadores da noite foron os integrantes da comparsa “O ciclo da Vida” (Pontecesures), que levaron un premio de 300 euros. Os outros dous premios foron para a divertida parodia de “Lavadoras en Loita”, unha crítica a alta factura da luz, premiada con 200 euros; e “Os Toliños de Rois”, cos seus coches de choque, terceira con 100 euros.
O Concello de Pontecesures entregou tamén tres premios aos grupos: “Barrio Sésamo” que co seu baile durante todo o desfile acadaron os 200 € de premio ; seguidos por “Mario Bros” e “Bestles”, con premios de 100 e 50 euros, respectivamente. A categoría adultos en parellas so contou coa participación de “Tarolas S.L”, cun premio de 80 €; mentres que no de individual adultos “Arrecife”, “Flamenco I” e “Flamenco II” levaron 60, 30 e 20 euros, respectivamente.
Finalmente, os premios da categoría infantil, modalidade parellas, recaeron en “Hércules”, “Sidecar Carroza” e “Tanque a Ucrania”, que conseguiron 80, 50 e 30 euros de premio. En individual, premiáronse “La Sirenita Ariel”, seguida por “La india” e “Mini Masterchef”. Uns premios entregados polo xurado e o alcalde, Juan Manuel Vidal Seage.



