• A concelleira responsable da área, a socialista Rosa Fernández, informa de que a primeira das actividades terá lugar este venres, 24 de febreiro, e consistiría nunha sesión de deseño decorativos con calcetíns usados
• A programación volve a impulsarse dada a boa resposta coa que contaron as primeiras iniciativas
A nova edición do programa ‘Cóllelle o gusto’, organizado pola Concellería de Benestar Social e Mocidade, xa está a piques de comezar. Será o vindeiro venres, día 24 de febreiro, cando a Casa Rosada volver acoller esta iniciativa, a través da cal o departamento dirixido pola socialista Rosa Fernández aposta por ofrecer actividades, ciclos e propostas lúdicas e formativas amenas e orixinais, na que a creatividade as manualidades teñen un elevado protagonismo.
Neste primeiro trimestre de 2023 serán tres as propostas a realizar, todas elas de carácter gratuíto. A inicial será o venres, en horario de 17.00 a 21.00 horas, e consistirá nun obradoiro sobre elaboración de bonecos con calcetíns en desuso. O obxectivo é propoñer unha segunda vida para estas prendas que xa se atopen en mal estado ou non estean en boas condicións, de xeito que se poidan elaborar decoracións creativas e orixinais. Xa o 24 de marzo, de 17.00 a 20.00 horas, será a quenda dunha sesión de ‘Zentagle’. Tal e como explica Rosa Fernández, esta é unha técnica artística que se basea na meditación a través do debuxo. Proponse unha fórmula de relaxación consistente en crear imaxes mediante o uso de patróns que se repiten. Por último, o 28 de abril, de 17.00 a 21.00 horas, haberá un ciclo de elaboración de axendas e libretiñas de man. “Son ideais como agasallo personalizado ou ben para tomar apuntes ou apuntar datas”, sinala Rosa Fernández, que recorda que as actividades das edicións anteriores de ‘Cóllelle o gusto’ acapararon unha gran participación. “Son iniciativas para fomentar a creatividade, pero tamén para ofrecer á veciñanza unha fórmula de lecer na que socializar e pasar unhas horas agradables na Casa Rosada”, indica.
A inscrición para estas tres sesións é gratuíta e pode realizarse en persoa ou chamando ao 986872401, ademais de enviando un correo electrónico a xuventude@concellopoio.org. Tamén é posible anotarse chamando ao 986770001 (extensión 1400).



