HomeTabeirósCerdedo - CotobadeCubela saca a consulta pública previa durante 15 días a ordenanza que...

Cubela saca a consulta pública previa durante 15 días a ordenanza que regulará as bases de adxudicación das 4 vivendas en alugueiro social en Carballedo

- Anuncio -spot_img

• Constitúe unha medida para facilitar o acceso a unha vivenda digna a familias empadroadas no municipio con dificultades económicas e pretende fixar poboación no municipio

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, acaba de anunciar que o Concello somete a consulta pública previa durante 15 días a ordenanza que regulará o proceso de adxudicación das 4 vivendas sociais municipais de Carballedo. Para poder consultala, calquera persoa
poderá entrar na páxina web do Concello e poderá coñecer os criterios de adxudicación, normas de funcionamento e utilización das vivendas sociais do Concello de Cerdedo-Cotobade.

Segundo manifestou o alcalde, Jorge Cubela, a intención do equipo de goberno é que unha vez transcorrido o proceso de consulta pública convocarase un pleno extraordinario co fin de aprobar de xeito definitivo estes criterios e iniciar o procedemento para que se poidan acoller aquelas familias empadroadas en Cerdedo-Cotobade que teñan problemas económicos para poder acceder a unha vivenda digna.

Asimismo, Jorge Cubela considera que esta iniciativa consistente na rehabilitación do antigo centro médico de Carballedo para convertilo nun edificio de catro vivendas sociais (dúas de 126 metros cadrados e outras tantas de 73 m2) supuxo un importante exercizo de xestión por parte do equipo de goberno que permitiu que se investiran 500.000 euros a través da Xunta e da Deputación sen que lle costara un euro ao Concello para poñer agora a disposición da veciñanza que cumpra cos requisitos unha vivenda digna en alugueiro onde vivir e que axudará tamén a fixar poboación no municipio.

Segundo figura na proposta de ordenaza reguladora, poderán solicitar unha vivenda de ocupación temporal social as persoas físicas, para si ou para a súa unidade familiar que, pola súa situación ou polos seus escasos recursos, non poidan acceder a unha vivenda de ocupación temporal a prezo de mercado e nas que concorran, entre outros requisitos, ser maior de idade ou menor con emancipación concedida e non ter incapacidade de obrar para obrigarse contractualmente de acordo co Código Civil.

A persoa solicitante deberá acreditar a residencia legal, efectiva e continuada no Concello de Cerdedo-Cotobade durante un período de cando menos un ano con anterioridade á data da solicitude. Tal circunstancia acreditarase co certificado de empadroamento, certificado de convivencia e informe de servizos sociais.

Ademáis, o solicitante, ou calquera outro membro da unidade familiar, non pode ser titular dunha vivenda en réxime de propiedade de pleno dominio ou dun dereito real de uso ou goce sobre outra vivenda en todo o territorio nacional. Non obstante, este requisito non será de aplicación no caso de sentenza xudicial de separación ou divorcio cando como consecuencia deste non se lle adxudicara o uso da vivenda que constituía a residencia familiar, e para os casos de tratárense de vivendas non axeitadas, neste último caso sempre segundo informe social emitido polo departamento de servizos sociais.

Tamén deberase acreditar por parte da unidade familiar que non se superan os ingresos máximos establecidos nesta ordenanza. Considerarase que unha unidade familiar se atopa en situación de necesidade social cando os ingresos ponderados anuais totais desta non superen o valor, en euros, do IPREM (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples) calculado en 12 pagas.

Tamén deberán presentararse movementos bancarios de tódolos membros da unidade familiar maiores de idade, dos últimos seis meses anteriores á data da solicitude, a fin de acreditar a dificultade de acceso a vivenda privada, en todo caso, aquelas unidades familiares que dispoñan dun importe bancario superior a 12.000 €, serán excluídas do proceso.

Deberase achegar igualmente unha copia da declaración da renda correspondente ao exercicio económico anterior á data da solicitude. No caso de non ter a obriga de presentala, achegarase o procedente certificado negativo de Facenda, así como unha declaración xurada dos ingresos anuais con indicación da súa procedencia.

En calquera caso, para ser beneficiario/a dunha ocupación temporal de vivenda social, deberanse acreditar uns ingresos anuais netos mínimos de 3000,00 € presentes ou futuros.

Publicacións Relacionadas