• Este órgano, do que forma parte a Policía Local, a Garda Civil e o departamento de Igualdade, está presidido pola concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas (BNG), ten coma obxectivo reforzar a coordinación para “seguir sendo máis efectivos en prevención, detección de casos e en atención ás vítimas”
A concelleira de Seguridade Cidadá, a nacionalista Marga Caldas, presidiu este martes a primeira convocatoria da nova Mesa de Coordinación Policial do Concello de Poio. Foi esta a súa sesión constitutiva e sirve para dar vida a un órgano municipal que, tal e como explica a propia edil do Goberno local, “supón un paso máis por parte do Concello á hora de reafirmar e continuar mellorando na eliminación dunha lacra social como é a violencia machista”.
Ademais da edil, tamén forman parte desta mesa a tenente de alcalde e responsable da área de Igualdade, Silvia Díaz (Avante Poio); a directora do Centro de Información á Muller (CIM) e membros da Guardia Civil e da Policía Local. “Esta é unha ferramenta máis para reforzar a coordinación entre a institución e as autoridades, o que sen dúbida nos axudará a ser moito máis efectivos á hora de actuar e previr casos de violencia de xénero”, apunta Caldas Moreira, que explica que este órgano reunirase de xeito periódico, concretamente cada catro meses. “Buscamos ter tamén unha maior efectividade en cuestións como a atención e asesoramento ás vítimas desta lacra social”, engade a responsable de Seguridade Cidadá.
A creación da Mesa de Coordinación Policial consolídase apenas uns meses despois de que o Concello de Poio asinase a súa adhesión a ‘Vioxen’, o Programa de Seguimento Integral das Vítimas de Violencia de Xénero. Trátase dunha iniciativa encamiñada a garantir a seguridade, protección e atención ás mulleres que sofren a violencia machista e que tamén redunda nunha maior coordinación e colaboración entre as forzas de seguridade do Estado e o corpo municipal.
Durante esta primeira convocatoria do novo órgano municipal tamén se analizaron os casos detectados no municipio.



