HomeOurenseOurenseA piscina Rosario Dueñas acollerá esta fin de semana o Campionato Galego...

A piscina Rosario Dueñas acollerá esta fin de semana o Campionato Galego júnior e Copa Galega sénior de natación

- Anuncio -spot_img

Douscentos nadadores e nadadoras de 21 equipos participarán no torneo, que esta mañá se presentou no Concello


O alcalde asegura que “é un orgullo que o epicentro da natación estea en Ourense unha vez máis. Ourense é unha potencia”

A piscina municipal Rosario Dueñas acollerá esta fin de semana o Campionato galego júnior e a Copa Galega sénior de natación. Un total de 200 deportistas procedentes de 21 equipos diferentes participarán no torneo, que esta mañá se presentou no salón de plenos nun acto no que participaron o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, o secretario xeral da Federación Galega de Natación, Ramón Mosquera, o presidente do Club Natación Pabellón Ourense, Santiago Escudero, e os adestradores, Iria Álvarez e Alberto Taboada.

O campionato, con 32 probas diferentes, reunirá a elite da natación galega, con referentes tan destacados como a mundialista Carla Carrón. Ourense contará con 25 representantes, mesmo con opcións a acadar bos resultados.

Pérez Jácome manifestou que para o Concello “é un orgullo que o epicentro da natación estea en Ourense unha vez máis. Ourense é unha potencia nese sentido, sempre o foi, e agora debido a que temos unha grande instalación, a piscina Rosario Dueñas, que é a mellor, teremos este campionato galego na cidade”, que constituirá esta fin de semana -sábado 25 e domingo 26- “un novo espectáculo para quen queira achegarse a velo”.

Pola súa banda, o secretario xeral da Federación Galega agradeceu “o apoio incondicional desde hai moitos anos” do Concello de Ourense a este deporte: “É imposible calcular cantos campionatos galegos se fixeron aquí”, manifestou Ramón Mosquera, quen lembrou que el mesmo competiu en Ourense no ano 1978: “A piscina é boísima, e tamén a organización por parte do club. A tranquilidade é total para a Federación, sabes que se o campionato é en Ourense, a piscina funciona, o club funciona e o apoio do Concello e do Consello Municipal de Deportes fan que o éxito estea case que asegurado. Só falta que os corredores corran moito”, asegurou.

Publicacións Relacionadas