O tenente de alcalde, Armando Ojea, participou na presentación do torneo, no que colabora o Concello de Ourense
A cidade de Ourense acollerá do día 2 ao 5 de marzo o Campionato de España de seleccións autonómicas de fútbol sala, nas categorías cadete e xuvenil masculina. Esta mañá, no Pazo Provincial, tivo lugar a presentación do torneo, na que participou o tenente de alcalde do Concello de Ourense, Armando Ojea, xunto co presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa e o presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán. Concello de Ourense, Deputación e Xunta de Galicia colaboran na organización deste evento, que se desenvolverá en dous escenarios: o pavillón municipal dos Remedios e o Pazo dos Deportes Paco Paz.
O torneo contará coa participación das seleccións de Galicia, Andalucía, Navarra, Murcia, Baleares, Madrid, Cataluña e Castela A Mancha, na categoría cadete, e de Galicia, Cataluña, País Vasco, Castela A Mancha, Melilla, Andalucía, Madrid e Murcia, na xuvenil.
O día 3 de marzo os dous recintos acollerán os partidos de cuartos de final (os cadetes pola mañá e os xuvenís pola tarde), o día 4 pola mañá, os dous pavillóns acollerán os partidos de semifinais, e o día 5, tamén pola mañá disputaranse as finais das dúas categorías, no Pazo Paco Paz



