HomePontevedraA LamaPreto de mil persoas desfilarán polas rúas da Lama para recuperar de...

Preto de mil persoas desfilarán polas rúas da Lama para recuperar de nova a tradición do Entroido

- Anuncio -spot_img

O desfile sairá ás 17 horas desde as inmediacións do colexio e percorrerán as principais rúas da vila ao ritmo que marcarán as comparsas

Un milleiro de persoas teñen confirmado xa a súa participación no desfile de entroido do Concello da Lama que terá lugar este sábado 25 de febreiro, a partir das 17 horas con saída desde as inmediacións do colexio.

Entre as comparsas que teñen formalizado a súa participación están as máis coñecidas da comarca de Pontevedra que veñen dispostas a converter nun auténtico sambódromo o centro da vila coa súa música, os seus disfraces e o seu bo humor. Entre as que están xa confirmadas figuran os 100 Tolos, As Flores do Carnaval, Os Solfamidas, Os Paparrulos, As Sonecas, Os Miudos, Os Canecos e Os da Caña.

Así, nas distintas categorías o desfile deste sábado contará con persoas que chegarán á Lama provintes de lugares tan distantes como Bueu, Marín, Monte Porreiro, Campolameiro, Campelo, Arcade, Samieira, Salcedo, ademais de Ponte Caldelas, Fornelos de Montes, Cerdedo-Cotobade e o propio municipio da Lama.

Así mesmo, coa intención de incentivar a participación de grupos da comarca de O Verdugo-Oitavén, habilitáronse dúas categorías: local e visitante, dotadas con suculentos premios por igual para favorecer a asistencia e a compensación en premios para os mellores disfraces. Por local a organización entende aqueles participantes domiciliados nos municipios de Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, Fornelos de Montes e A Lama.

Todas aquelas persoas e grupos que queiran participar na edición deste ano poderán inscribirse nas oficinas municipais, en horario de 9 a 14 horas, cubrindo un impreso normalizado facilitado para ese efecto. O impreso pode ser descargado desde a páxina web www.concellodalama.com e deberá ser presentado no Consistorio ou por correo electrónico no seguinte enderezo electrónico oficinas@concellodalama.com.

Os premios do desfile aos que se poderán optar son os seguintes:

a) Comparsas:

1º Premio………Trofeo e diploma como Raíña do Entroido.

2º Premio…………….……….Trofeo e diploma do 2º Posto.

3º Premio……….Trofeo e diploma acreditativo do 3º Posto.

b) Grupos:

1º Local…………200 euros. 1º Visitante……..200 euros.

2º Local………….150 euros. 2º Visitante…….150 euros.

3º Local………..100 euros. 3º Visitante.…….100 euros.

c) Individuais/ Parellas

1º Premio único…………………………………..75 euros.

2º Premio único…………………………………..50 euros.

3º Premio único…………………………………..30 euros.

d) Agrupación Infantil

Único premio…………………………………….50 euros.

Así mesmo, a organización poderá deixar deserto calquera dos premios previstos en función de que se considere que ningún dos participantes reúne méritos suficientes para poder levarllo.

O xurado será independente da organización e do Concello da Lama e estará formado por persoas pertencentes ao tecido asociativo deste municipio. O fallo do xurado será inapelable e será emitido ao final do percorrido do desfile, durante o baile de disfraces que estará amenizado polo conxunto 3.COM.

As comparsas terán un mínimo de 15 participantes e poderán estar acompañadas de carroza, valorándose que a música sexa en directo realizada con instrumentos musicais e interpretarán as súas composicións e pasacalles de entroido. Deberán tamén gardar unha unidade temática tanto no seu vestiario como na súa actuación.

En canto aos grupos que poden participar no concurso e o desfile de entroido na Lama deberán estar formados por un mínimo de 5 integrantes, poderán ir acompañados de carroza e terán tamén que gardar unha unidade temática.

Polo que respecta os disfraces individuais que entren en concurso valoraráselles a súa orixinalidade e dificultade na súa elaboración así como o bo humor desenvolvido polo participante.

FINAL CON CHOCOLATE, CHURROS E TRES. COM

O fin de festa, que se celebrará baixo carpa na Alameda da Lama, estará marcado polo reparto gratuíto de chocolate con churros entre o público e as persoas participantes no desfile e a diversión correrá a cargo do conxunto musical TRES. COM que amenizará a xornada para combater o frío e o exceso de calorías cun bo baile.

Publicacións Relacionadas