HomeOurenseO alcalde de Ourense visita as instalacións da Asociación de Dano Cerebral...

O alcalde de Ourense visita as instalacións da Asociación de Dano Cerebral Adquirido, no Parque do Barbaña

- Anuncio -spot_img

A entidade impulsa un proxecto para poñer en marcha un centro de día que mellore os recursos de coidado fronte ás lesións cerebrais, unha das principais causas de dependencia en Ourense

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, visitou as instalacións da Asociación de Dano Cerebral Adquirido (DCA) de Ourense, na rúa Clara Campoamor, número 15, para interesarse pola actividade que desenvolve na cidade, os servizos que presta e os proxectos que pretende poñer en marcha. O rexedor entrevistouse co equipo da asociación e visitou o local da asociación na contorna do Parque do Barbaña, á que se trasladou recentemente a entidade coa finalidade de dispoñer dunha situación máis céntrica -antes estaban en Aixiña- e acadar unha maior integración na vida cotiá da cidade.

A asociación ten como obxectivo promover a calidade de vida e a inclusión social das persoas con dano cerebral e as súas familias, así como a defensa dos seus dereitos. Traballan na actualidade no proxecto de ampliar os seus servizos cun novo centro de día terapéutico, recurso que integrará centro de día e terapias de rehabilitación.

Con esta iniciativa, a asociación persegue mellorar os recursos de coidado existentes fronte a unha das principais causas de dependencia na provincia: as lesións cerebrais, xa que en Ourense se rexistran ao redor de 560 casos anuais, e darlle resposta así á principal causa que prexudica á autonomía persoal na provincia: os ictus, que representan o 80% das lesións cerebrais.

Fundada en 2002 por familias con DCA e profesionais do ámbito sanitario, a asociación ADO quere ser un referente na provincia na articulación dunha reposta axeitada ao problema do dano cerebral adquirido. Declarada de utilidade pública, está acreditada como centro sanitario, inscrita no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais e conta coa certificación de calidade ISO 90012. A asociación é tamén membro fundador das federacións galega e española de dano cerebral. Conta con 250 socios na súa asemblea e 13 persoas traballadoras.

Publicacións Relacionadas