― O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villlanueva, presidiu hoxe o Consello Reitor da Academia Galega de Seguridade Pública
― A Academia seguirá a actualizar os coñecementos do persoal da Policía Local, Policía Autonómica, Policía Nacional, Garda Civil xunto cos servizos de emerxencias como Protección Civil, GES, servizos de extinción de incendios ou socorristas
― En conxunto dispoñen de máis de 14.000 prazas para a realización de 20.300 horas lectivas
― No eido da seguridade pública incidirase na ciberseguridade, na violencia de xénero, nas intervencións con colectivos vulnerables e na actualización normativa
― No eido das emerxencias apóstase pola descentralización e a formación en liña para facilitar o acceso á formación
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presidiu hoxe o Consello Reitor da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) no que se aprobaron os plans de formación destinados a membros dos corpos e forzas de seguridade, por unha banda, e a persoal dos servizos de emerxencias, por outra. O conxunto das accións formativas previstas para 2023 suma máis de medio cento, 245 no eido da seguridade pública e 280 no das emerxencias. A cifra supón un importante incremento con respecto ao pasado ano, no que se impartiron 441 cursos con preto de 12.000 persoas diplomadas.
Segundo o plan presentado no eido da seguridade pública, neste exercicio os axentes de Policía Autonómica, Policía Nacional, Policía Local e Garda Civil dispoñen de 5.750 prazas para recibir máis de 8.300 horas lectivas en 133 cursos programados en diferentes edicións que suman 245 accións formativas. Nesta liña, avanzouse a próxima sinatura dun convenio coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) para ofrecer formación diferenciada en ciberseguridade, xa que máis do 60% das denuncias presentadas por particulares están relacionadas con delitos a través da rede.
Ademais seguirase colaborando coa Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade no desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, cun módulo completo e independente de formación nesta materia. En 2023 incidirase tamén na formación continua, especialmente no eido máis social, para dotar os axentes dos recursos precisos nas intervención con persoas vulnerables, menores, e con discapacidade ou diversidade funcional. A maiores, ofrécense cursos para a actualización normativa centrados nas últimas leis e cambios lexislativos aprobados, como a modificación do Código Penal ou a lei de benestar animal.
As accións realizaranse con carácter xeral tanto de xeito presencial como en liña, agás as de contido práctico e habilitación para o manexo de dotacións como radar, inmobilizador electrónico, drogotest ou arma regulamentaria, que serán presenciais.
A maiores, ese ano formarase na academia a 15ª promoción da Policía Local, con case un cento de aspirantes e que arrinca a súa preparación o 3 de marzo. Cómpre sinalar que neste 2023 fai 30 anos do primeiro curso de Policía Local impartido na academia, que precisamente comezou a súa andaina en 1993.
Preto de 300 cursos para formación en emerxencias
Pola súa banda, o persoal dos servizos de emerxencias dispón en 2023 de case 8.300 prazas para realizar máis de 12.000 horas lectivas nas 280 accións formativas programadas para voluntarios de Protección Civil e efectivos dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), así como axentes forestais e ambientais. Inclúese tamén aquí a formación en materia de socorrismo impartida para fomentar a inscrición no Rexistro Profesional de persoal socorrista.
A programación deste ano reforza o número de cursos descentralizados, achegándoos aos lugares de residencia do alumnado, e mantén a aposta por unha maior carga horaria en liña. O obxectivo é facilitar o acceso e reducir os desprazamentos.
O voluntariado de Protección Civil contará con máis de 3.500 prazas para 143 cursos nos que se inclúe formación básica obrigatoria, actividades de loxística, manexo de equipos e apoio en intervencións. Aos profesionais dos servizos de emerxencias ofrécenselles 49 cursos con 1.337 prazas e centrados na formación transversal en rescate e intervención, en operacións de axudas técnicas, en dirección e xestión das intervencións, no manexo de equipos e no apoio en intervencións.
Para a formación en socorrismo resérvanse 46 accións formativas con 1.610 prazas e para o persoal dos GES, tres con 75 prazas. Canto á programación enmarcada no convenio de formación coa Consellería do Medio Rural, prevense 38 cursos con 1.741 prazas para abordar o manexo de maquinaria pesada na loita contra os incendios, primeiros auxilios, seguridade, investigación de lumes ou xestión de grandes incendios, entre outras cuestións.



