Podemos Galicia e Alianza Verde presentaron este martes o seu acordo para concorrer xuntos ás eleccións municipais de maio. O Coordinador Nacional do partido morado, Borja San Ramón, destacou que “este é o comezo das nosas relacións e da nosa interlocución coas demais forzas do noso espacio político”. O acordo permite a Alianza Verde presentarse ás eleccións municipais, “en todas as cidades e vilas onde Podemos ten candidaturas e proxecto”. San Ramón afirmou que o principal obxectivo era garantir os “mellores proxectos e as mellores candidaturas para acadar os mellores resultados e lograr o obxectivo final: mellorar a vida da xente con políticas públicas, como estamos facendo en diversos gobernos municipais, autonómicos ou no propio Goberno do Estado”
A Coordinadora a Alianza Verde en Galicia, Paula Jarque, fixo fincapé na súa vontade de “confluir e cooperar” para poder “impregnar a política do país de ecoloxía política”, un espazo que considera ata agora “desatendido”.
A voceira de Podemos Galicia, Verónica Hermida, destacou a necesidade de que “os concellos asuman o seu papel na loita contra a crise climática e na transición enerxética”. Hermida afirmou que a “administración local ten un papel primordial” e na necesidade de políticas dende este eido, mediante “planificación e a participación pública”.
O deputado no Congreso e líder estatal de Alianza Verde destacou que “nas cidades é onde se está desenvolvendo a loita pola supervivencia do planeta”, e que por ese motivo “as elecciones municipais son trascendentais, xa que a loita contra a crise climática ímola gañar ou perder na próxima década”.



