HomePontevedraVilaboa deseña unha senda peonil e ciclable entre o Forno da Cal...

Vilaboa deseña unha senda peonil e ciclable entre o Forno da Cal e as Salinas de Ulló

- Anuncio -spot_img

Unha achega do Plan Ágora favorece un proxecto co que o goberno local quere vertebrar o municipio cunha rede de camiños inclusiva, accesible e segura

O Concello de Vilaboa conta cunha achega de 55.500 euros a través da Rede Ágora da Deputación de Pontevedra para a redacción dos proxecto da senda peonil e ciclable que unirá o Forno da Cal e As Salinas do Ulló pola costa.

O goberno local contempla a convocatoria dunha reunión veciñal para engadir as suxestións da cidadanía a un proxecto que prevé actuar sobre unha superficie de 21.535 metros cadrados e unha lonxitude de 8.614 metros.

A distancia entre ambos puntos é de 14 kilómetros dos que 3 xa contan cunha senda, polo que o proxecto redactarase en dúas fases, que se executarán a medida que se vaian obtendo os informes sectoriais favorables. A primeira delas cubrirá a distancia entre o Forno da Cal e Larache, cun percorrido de 8,6 kilómetros que no futuro conectará co xa executado nas Salinas, cun tramo de 2,2 kilómetros

Esta iniciativa, que busca vertebrar o municipio a través de sendas peonís, prioriza a posta en valor do ámbito costeiro dotándoo dun sendeiro accesible, inclusivo e seguro para as persoas, que favoreza a autonomía infantil para o seu uso e potencie o uso da bicicleta para desprazamentos polo interior do municipio cumprindo tamén os obxectivos da Axenda 2030.

A maiores, César Poza, alcalde de Vilaboa, cree que esta senda favorecerá o comercio local. “Tanto os equipamentos públicos coma os establecementos comerciais e de servizos atópanse fundamentalmente na estrada N-554. Tendo en conta que este sendeiro serve como alternativa á circulación pola referida estrada, potenciarase un espazo público de calidade, fomentando o comercio local. A actuación contén tamén unha característica vocación turística, así como de infraestrutura deportiva e de lecer”.

O PXOM aprobado definitivamente no ano 2019 contempla unha rede integrada de bicicarrís e de paseos peonís que permitan articular os centros, os núcleos e o seu contorno inmediato e que conecten os parques públicos e os principias sistemas ambientais e dotacionais, tendo incorporados os espazos de interese pre-existentes como referentes culturais.

Por tanto, para César Poza, esta senda é “o primeiro eixe de interconexión ao longo da fronte litoral que axude a tecer a malla urbana do concello, posibilitando realizar a maior parte dos desprazamentos mediante medios non motorizados. A idea que temos para todo o municipio é que en base ao trazado de camiños e viais de titularidade municipal existentes, así como da propia servidume de tránsito do dominio público marítimo terrestre, logo da necesaria limpeza e desbroce dos terreos, mellorar o firme e o seu acondicionamento,como base dunha rede peonil interna”.

Publicacións Relacionadas