O goberno local descoñece si os técnicos autonómicos inspeccionaron o Paseo do Cantiño e interésase por coñecer a actuación prevista nesta infraestrutura
Desde que a principios do pasado mes de decembro o goberno local de A Illa solicitara unha reunión coa presidenta de Portos de Galicia para abordar a situación do Paseo do Cantiño pasaron xa tres meses. Durante este periodo de espera sen resposta o concelleiro de Servizos e candidato á Alcaldía, Luis Arosa, remitiu por escrito ao ente autónomo tres novas solicitudes de entrevista e acumula decenas de chamadas interesándose pola data dunha reunión que parece non estar axendada aínda por Portos de Galicia.
Este mesmo venres Luis Arosa recordoulle por escrito a Susana Lenguas a urxencia que ten o tema para A Illa, así como a premura de iniciar as conversas sobre un futuro aparcamento soterrado nese entorno, un proxecto que o edil arousán remitiu de novo esta semana ao ente autónomo.
No encontro, que Luis Arosa confía en que se produza neste primeiro semestre do ano, o edil quere coñecer os detalles da actuación prevista no Paseo do Cantiño, toda vez que a Xunta anunciou a través dos medios de comunicación a súa intención de reforzar a infraestrutura nalgúns puntos nos que detectou novos riscos de desplome.
“Estamos ás portas da Semana Santa e aquel tramo segue precintado. Ata a Arousa chegarán, como todos os anos, centos de visitantes e nós non sabemos si o paseo vai estar precintado, aberto, en obras; si vai ser seguro ou si hai risco para as persoas que paseen polo entorno”, apunta Luis Arosa, preocupado tamén pola inminente chegada do verán e a organización de multitudinarias festas gastronómicas nese Paseo.
“Descoñecemos si os técnicos estiveron aquí facendo as súas comprobacións porque ao Concello non chegou información ningunha ao respecto; nin tampouco do que pensan facer no Cantiño”, explica Luis Arosa. “Temos moito interese en entablar un diálogo fluido coa administración autonómica, e toda a paciencia do mundo para esperar a que teñan un día libre para recibirnos. Insistiremos na solicitude si eso é o que queren; pero lles guste ou non lles guste a Illa de Arousa é tamén un municipio galego e a Xunta de Galicia ten infraestruturas aquí da súa competencia que ten que atender; e cidadáns aos que ten que recibir”
Luis Arosa ten claro que chegou a hora de sentarse a falar coa Xunta sobre investimentos e infraestruturas, e a dotación dun espazo para aparcamento é para o goberno local unha prioridade neste momento tendo en conta o incremento de poboación flotante que rexistra durante os meses de verán.



