• Jorge Cubela defende as políticas de igualdade e rexeita modelos que esteriotipan comportamentos machistas e de violencia de xénero
As farmacéuticas de Carballedo e Cerdedo, Pilar Pérez-Lafuente Córdoba e María Jesús Gamallo Morales, respectivamente, e as hostaleiras Josefa Fernández Garrido, do Restaurante A Raxadal, de Carballedo e a Sara Rivas Campos, do Restaurante Meu Lar, de Cerdedo, protagonizaron a homenaxe que o Concello de Cerdedo-Cotobade brindou polo 8-M ás mulleres pioneiras do municipio nun acto celebrado en colaboración coa Asociación de Mulleres en Igualdade de CerdedoCotobade, A Lama e Ponte Caldelas.
O evento que combinou momentos reivindicativos, con outros culturais e musicais coa homenaxe ás catro mulleres xubiladas ou a piques de chegar a esa condición iniciouse coa actuación da pionista e soprano lírica Andrea González, unha artista que se formou en España, Portugal e España e que ten actuado xa en numerosos escenarios de toda a Península Ibérica.
Seguidamente, a tenente de alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Lourdes Ovelleiro leu un manifesto conmemorativo do 8-M no que se reflicte a loita pola igualdade levada acabo polas mulleres desde hai máis de 100 anos no que se referenciaron tamén os dereitos conquistados a base de longas loitas e sacrificios.
Pola súa banda, a presidenta da Federación de Mulleres en Igualdade (FEMUPO), Raquel Touriño, fixo entrega duns agasallos conmemorativos deste evento ás catro homenaxeadas e adicoulles unhas palabras de agradecemento polo exemplo vital que supoñen para as mulleres e a sociedade en xeral e fixo tamén unha lembranza da súa traxectoria profesional como auténticos motores do emprendemento no municipio en momentos moi complicados para as mulleres.
Seguidamente, os concelleiros Fernando Vázquez, Belén Caso e Ernesto Filgueira fixeron entrega en nome do Concello de Cerdedo-Cotobade dunhas placas e uns ramos de flores ás homenaxeadas.
CUBELA REIVINDICOU AS POLÍTICAS DE IGUALDADE E CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO COMO XEITO DE ERRADICAR O MACHISMO
Pechou o acto unha pequena intervención do alcalde, Jorge Cubela, quen aproveitou o evento para reivindicar as políticas de igualdade levadas a cabo desde o Concello e rexeitar modelos de comportamento que esteriotipan roles machistas, xérmolo en moitos casos da violencia de xénero.
Jorge Cubela, instou á veciñanza a ser protagonista activa do cambio de comportamento e animou ao público presente a loitar contra as desigualdades en todos os ámbitos da vida tanto familiar, como profesional ou de relacións sociais. “Queremos homenaxear hoxe aquí a
Pepita, Sara, Pilar e Chus, mulleres que foron pioneiras no seu momento na loita contra os teitos de cristal e que sairon adiante como emprendendoras en momentos difíciles e complicados, pero tamén queremos lembrarnos das situacións tremendas que viven as vítimas da violencia machista e queremos manter acesa unha luz de esperanza para todas aquelas mulleres que pasen por un trance como ese para que saiban que sempre nos terán ao seu carón, que saiban que non están soas e que en nós, no Concello e na sociedade teñen onde buscar comprensión, refuxio, axuda e protección”, indicou o rexedor.
O acto rematou cunha peza musical interpretada pola pianista e soprano Andrea González.



