O Concello de Ourense fíxolles entrega esta tarde do XVII Premio Clara Campoamor á igualdade de oportunidades ás Forzas e Corpos de Seguridade da provincia de Ourense, concretamente ás e aos axentes da UFAM (Unidade de Familia e Atención a Muller) da Policía Nacional, EMUME (Equipo de Muller e Menor) da Garda Civil, Policía Nacional adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia e ás Policías Locais incorporadas ao Sistema Vioxén. A entrega do premio tivo lugar no Liceo, nun acto que contou coa asistencia do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e estivo amenizado pola actuación do dúo Soull and Roll.
O galardón recoñece “o esforzo e profesionalidade amosados no desempeño da atención e seguimento das vítimas de violencia de xénero da provincia de Ourense e que, coa súa constante e esixente dedicación, tentan mitigar a escaseza de recursos na nosa contorna nesta materia”.
O xurado do premio quere que este recoñecemento “sirva de aliciente e de reforzo ás e aos axentes referenciados, polo bo traballo desenvolvido ao logo dos anos, velando sempre polo interese das mulleres en situación de violencia machista, garantindo a súa seguridade e a confidencialidade e acompañando de preto o proceso destas usuarias ata que logran normalizar a súa situación persoal, familiar e sociolaboral lonxe dos agresores”.



