A concelleira de Deportes e Seguridade Cidadá, a nacionalista Marga Caldas, vén de visitar o parque infantil de Vilariño, pertencente á parroquia de San Xoán, no que o Concello de Poio procederá estes días a efectuar unha serie de labores encamiñados a mellorar o estado desta zona de lecer para crianzas. Tal e como explicou a edil do Goberno municipal, os operarios procederán nestas xornadas á instalación dun novo peche perimetral, substituíndo ao valado de madeira actual, que contará co mesmo material renovado. Asemade, repararanse e substituiranse os elementos de xogos, que actualmente se atopan moi deteriorados, e procederase ao pintado do muro.
Caldas Moreira sinalou que este tipo de actuacións son importantes para garantir unhas boas instalacións nas áreas de esparcemento do municipio, especialmente naquelas das que fan uso os cativos e cativas. A edil nacionalista indica que “seguimos a pasar revista a estas zonas, acometendo melloras nos lugares que sexa preciso”. Caldas confía en que as condicións meteorolóxicas permitan a conclusión destes traballos no menor tempo posible. A posta a punto de espazos ao aire libre para fomentar hábitos saudables é un dos piares da campaña Poio en Verde, impulsada polas áreas de Medio Ambiente, Deportes, Seguridade Cidadá, Festexos, Cultura e Educación.



