• O concelleiro de Servizos Municipais, o socialista Julio Casás, lembra que estas tarefas son levadas a cabo pola empresa responsable da recollida de restos, Valoriza, e que se levan a cabo de xeito periódico
• Desde o Concello faise un chamamento á cidadanía para que continúe facendo uso do servizo de recollida de voluminosos e do Punto Limpo Móbil, a fin de eliminar vertidos, unha práctica que conleva fortes sancións económicas
A empresa Valoriza, responsable da xestión de residuos e recollida do lixo no municipio de Poio, está estes días a proceder coa limpeza e posta a punto dos contedores repartidos por todo o ámbito xeográfico do concello. Precisamente, o concelleiro de Servizos Municipais, o socialista Julio Casás, supervisou na mañá deste xoves as tarefas de limpeza que se levaron a cabo no lugar de Chancelas, na parroquia de Combarro.
Tal e como lembra o propio Casás Barral, este tipo de actuacións realízanse de xeito periódico, para garantir o bo estado dos recipientes. Para iso, os operarios da empresa adxudicataria utilizan un camión especializado e un equipo de hidrolimpeza de alta presión.
No que vai de semana xa se procedeu á limpeza dunhas 200 unidades aproximadamente, tanto de carga lateral como traseira. Ademais destes labores, desde a Concellería de Servizos Municipais tamén se fai fincapé á hora de lembrar recomendacións e pautas de utilización por parte da veciñanza, que axudan a manter os recipientes nas mellores condicións, como pode ser o feito de depositar os restos nos contedores correspondentes, a ser posible a última hora da tarde ou pola noite. Este último punto faise especialmente importante na primavera e no verán, xa que coa chegada das altas temperaturas poden proliferar os malos cheiros.
Julio Casás tamén recalca a necesidade de que se faga uso dos máis de 600 colectores repartidos por todo o municipio, así como de servizos como a recollida de voluminosos a domicilio ou o Punto Limpo Móbil, ambos totalmente gratuítos. “Cada vez contamos cunha veciñanza máis concienciada no que ao respecto polo medio ambiente se refire, pero, por desgraza, aínda se detectan vertidos e abandono de restos en lugares públicos, un feito que incumpre a normativa e que contempla multas económicas moi altas”, lembra o responsable de Servizos Municipais.



