HomePontevedraO SalnésO PSdeG de Vilagarcía pídelle ao PP local un pouco de pudor...

O PSdeG de Vilagarcía pídelle ao PP local un pouco de pudor cando fale dos investimentos doutras administracións en Vilagarcía

- Anuncio -spot_img

Os socialistas lembran aos populares que obras tan relevantes como a escola infantil de Vilaxoán, o albergue, a nova biblioteca ou os procesos de humanización fixéronse con fondos da Deputación, sen que a Xunta de Galicia aportase un só euro.

Os socialistas de Vilagarcía amosan sentirse sorprendidos ante as declaración fora de lugar do PP local sobre os investimentos doutras administración en Vilagarcía, e consideran que falta pudor á hora de facer certas valoracións. Dende a agrupación socialista valoran que o PP de Vilagarcía non parece estar moi ao tanto da situación de Vilagarcía e dos investimentos, avances e demandas dos últimos anos.

A desconexión do PP con Vilagarcía puido facer que non se enterasen de moito do sucedido ata o de agora, pero cometerían un erro se cren que á cidadanía pasoulle o mesmo e que pode dicirse calquera cousa por estar a dous meses das eleccións. En Vilagarcía os últimos anos están cheos de melloras financiadas entre o Concello de Vilagarcía e a Deputación de Pontevedra, que ten colaborado enormemente alí onde se solicita axuda. Así, os socialistas lembran que a escola infantil de Vilaxoán é un investimento íntegro da Deputación de Pontevedra, para un avance fundamental na vida social da vila nun ámbito, o da educación infantil, no que a Xunta escabulle as súas competencias. Igualmente sucede coa construción do novo albergue en Carril, no que a Xunta podería ter colaborado dada a relevancia do ano Xacobeo, e no que foi a Deputación de Pontevedra quen financiou. A nova biblioteca que está en construción farase en Vilagarcía con gran aporte de fondos provinciais, tamén europeos a través das convocatorias do goberno do Estado, e con parte de fondos propios locais, pero sen un só céntimo autonómico que deixa á Xunta de Galicia como a única administración que non aportou absolutamente nada.

Por se isto fose pouco, os socialistas apuntan tamén que non existen fondos autonómicos nas humanizacións que os vilagarciás xa desfrutan, e que fan de Vilagarcía unha cidade referente, cómoda e aberta, para o que si colaborou sempre a Deputación de Pontevedra. E tamén hai exemplos difíciles de xustificar para a Xunta de Galicia, como que na reforma do pavillón de Fontecarmoa poñan máis fondos o Concello ou a Deputación que a propia Xunta coa Secretaría Xeral para o Deporte, que tampouco aporta financiación para a ampliación da piscina municipal.

Dende a agrupación local socialista formulan a idea ao PP local de que, xa que a súa recente estratexia é sacarse fotos con membros da Xunta de Galicia que veñen a facer as mesmas promesas incumpridas de sempre, aproveiten para estar nas fotos que toda Vilagarcía demanda como a defensa da sanidade pública. Ningún concelleiro popular de Vilagarcía tivo a valentía de saír á rúa con toda a veciñanza a reclamar melloras na sanidade ou pronunciarse a favor das reivindicacións, como si fixeron outros representantes do PP noutros lugares como O Grove ou Pontevedra. Tampouco se coñece que o PP local se sume ás demandas de melloras en viais como Agustín Romero ou a Avenida de Vilanova, o que amosa que entre facer seguidismo sumiso do seu partido ou defender a Vilagarcía, Ana Granja xa ten escollido dar as costas aos seus veciños.

Dende o Partido Socialista asumen comprender a frustración da candidata popular co desleixo e desprezo que a Xunta ten amosado con Vilagarcía nos últimos tempos, que lle impide defender sequera ningún apoio, pero pídenlle que sexa máis colaboradora e que poida sentirse minimamente satisfeita ao comprobar que hai un goberno local que consegue financiación de todas as restantes administracións e fai avanzar Vilagarcía.

Publicacións Relacionadas