HomeOurenseO Concello renova por completo o parque de Avilés de Taramancos

O Concello renova por completo o parque de Avilés de Taramancos

- Anuncio -spot_img

Consolidáronse os elementos deteriorados e acometéronse innovacións para facer o espazo máis atraente para a cidadanía

O investimento total foi de 40.000 euros

O Concello de Ourense reformou o parque de Avilés de Taramancos cunha renovación e mellora integral dos seus elementos. Desde a consolidación de elementos até as innovacións acometidas, o parque presenta unha faciana máis atraente para as numerosas persoas que pasean cada día polo Paseo do Barbaña. O investimento total das actuacións é de 40.000 euros.

Ademais de arranxar os existentes, instaláronse novos bancos. Entre eles, bancos inclusivos, adaptados para persoas con mobilidade reducida. Neste sentido, instalouse tamén un paseo de plantas aromáticas deseñado para persoas con visibilidade reducida.

En canto á parte vexetal, fíxose unha reposición total do xardín vertical -no momento da inauguración, en 2010, o único curvo e vertical en España- con 2.300 plantas, enxertadas en gaiolas cheas de terra e pedra: romeus, gramíneas, caraveis… Unha das actuacións máis importantes neste sentido foi a reposición do rego.

Importante mellora foi tamén a de mudar unha das dúas bombas que alimentan o sistema hídrico do parque -que move 1,5 millóns de litros de auga-. Con isto, recupéranse os sete chorros -agora en funcionamento na súa totalidade-, que poden chegar até os 11 metros de altura, regulables en función das condicións do vento.

Igualmente, recuperouse o escenario fronte ao lago, coa grada cuberta de vexetal sobre un patrón de pavimento chamado Panot de Gaudí, o que se pode atopar no Paseo de Gracia de Barcelona e cuxos orixinais están expostos no Museo de Arte Contemporánea de Nova York.

O parque segue a contar cun tobogán, único na cidade, e cunha caixa de correos de intercambio de lecturas.

Publicacións Relacionadas