A edil de Deportes e Seguridade Cidadá, Marga Caldas (BNG), supervisou hai uns días os traballos de reforma do parque infantil de Rosalía de Castro, situado nas proximidades de Ferreirós, na parroquia de San Salvador. Esta é unha actuación impulsada pola concellería de Medio Ambiente, dirixida polo tamén nacionalista Xosé Luís Martínez, que incluirá a dotación dunha cuberta, de xeito que esta zona de esparcemento poida ser utilizada tamén cando as condicións meteorolóxicas non acompañen, en caso de choiva e tamén garantindo sombra en períodos soleados e con altas temperaturas. O orzamento ascende a 178.000 euros, IVE engadido, financiados a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
Acompañada pola edil de Cultura e Educación, a tamén nacionalista Raquel Rodríguez, Caldas puido constatar o bo ritmo da obra, na que a empresa adxudicataria xa está a a ultimar a montaxe da infraestrutura para garantir a cubrición da pista. A responsable do departamento municipal aposta por continuar nesta liña de traballo, que tamén está a levar ao Concello á dotación doutros espazos similares, dentro da campaña Poio en Verde, organizada a través da área de Medio Ambiente, en colaboración con Deportes, Cultura, Educación e Seguridade Viaria. Agárdase que a obra sexa unha realidade no verán.



