Inviste 67.518 € en obras hidráulicas sobre o río Forno para deixar o tramo final a ceo aberto e para pavimentar este vial e re-naturalizar o acceso de servizo á urbanización Mario Puentes
“Cada vez que había fortes choivas o camiño transformábase nun río e as fincas das vivendas ao seu carón se inundaban”, explica o alcalde, Juan González
O problema de graves inundacións no Camiño ‘Rego do Forno’, en Patos, son xa historia. O Concello de Nigrán rematou a semana pasada as obras hidráulicas para que o río Forno non desborde cando hai grandes precipitacións e, ao mesmo tempo, aproveitou para pavimentar o camiño que leva o seu nome e tamén o de acceso á parte de servizos da urbanización Mario Puentes, que foi re-naturalizado. As obras, que comezaron a inicios de mes e tiñan un prazo de execución máximo de 42 días, correron a cargo de Construcciones Caldevergazo tras serlle adxudicadas por importe de 67.518 €.
“Cada vez que había fortes choivas o camiño transformábase nun río e as fincas das vivendas ao seu carón se inundaban”, explica o alcalde, Juan González.
Este problema de asolagamento do vial (e mesmo das fincas particulares colindantes) producíase porque os derradeiros 380 metros do río Forno, que desemboca na praia de Patos e ten unha lonxitude total de 1.260 metros, foron soterrados cando se urbanizou a zona e, en caso de abundantes precipitacións, a canalización entraba en carga e desbordaba por completo sobre fincas particulares e municipais. A solución definitiva aportada no proxecto de ‘Soltec Ingenieros’ foi eliminar un total de 146 metros soterrados para que o río discorrese a ceo aberto a través dunha canle con forma trapezoidal forrada en granito.
Como parte da obra, asfaltouse o Camiño do Forno, vial de 160 metros de lonxitude que permanecía sen pavimentar e en estado calamitoso pese a ser a rúa de acceso para varias vivendas. Adicionalmente, o vial de servizo á zona de mantemento da urbanización Mario Puentes foi re-naturalizado trocando o asfalto actual por céspede transitable, de xeito que esté acorde coa zona verde municipal pola que discorre.
“Quedou resolto ao fin un problema que naceu coa propia urbanización da zona e, ao mesmo tempo, melloramos exponencialmente a seguridade viaria e a calidade de vida dos veciños do Camiño Rego do Forno, ademais de harmonizar a imaxe de toda esta contorna”, resume o alcalde.