Xoán Reices: “Cremos que o concello da Estrada non pode quedar fóra da subvención da Deputación para eliminar a simboloxía franquista do noso concello”
No día de onte, 20 de marzo, o boletín oficial da provincia anunciaba a convocatoria dunha subvencións da Deputación de Pontevedra para eliminar a simboloxía franquista dos espazos públicos.
Segundo explicou o candidato do BNG, Xoán Reices, “cremos que o goberno municipal de López debería solicitar estas subvencións da Deputación, xa que, aínda hoxe, existen sinalizacións do noso rueiro que cómpre eliminar, non só por facer xustiza ás vítimas, senón por cumprir a le; e o goberno municipal da Estrada non está a cumprir a lei de memoria histórica”.
“A subvención pódena solicitar os concellos de menos de 50.000 habitantes”, explica Reices, “e ten unha dotación de 400.000 euros, 100.000 para a supresión da simboloxía franquista e 300.000 para a rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico-cultural”.
“Desde o BNG”, afirma o candidato do BNG, “cremos que o concello da Estrada non pode quedar fóra desta subvención da Deputación, xa que hai rúas ás que hai que cambiarlle o nome (Calvo Sotelo, Capitán Bernal), e ademais, o concello da Estrada ten unha asignatura pendente desde hai 86, que é a de cumprir a vontade dos Mártires da Estrada, a do alcalde e concelleiros fusilados polos fascistas en 1937”.
O candidato do BNG insta ao goberno municipal do PP a actuar, “A Estrada ten que cumprir a lei de memoria histórica e ten que facer xustiza aos Mártires da Estrada”, afirma, “o noso concello non pode ficar fóra desta subvención da Deputación que se convoca mediante concorrencia competitiva, é dicir, o goberno ten que darse présa para non ficar fóra destas axudas”.
“Desde o BNG da Estrada entendemos que López xa non ten escusa, non pode argumentar que non ten cartos para facer xustiza aos Mártires da Estrada”, engade, “se non actúa é porque o problema é político e ideolóxico, e iso si que é grave”.



