Esta iniciativa formativa encádrase dentro do programa “Plan Corresponsables”
O tenente de alcalde do Concello da Lama, David Carrera, foi o encargado de facer a entrega de diplomas á ducia de mulleres que participaron no curso de manipulación de alimentos organizado polo Concello da Lama, a través do Centro de Información á Muller (CIM), e a Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (Femupo), dentro do “Plan Corresponsables”.
O obxectivo deste acción formativa é favorecer que as mulleres da provincia poidan acceder a empregos de calidade nos seus lugares de residencia, exercer profesionalmente unha actividade que viñan desempeñando de maneira non formal, ou poder certificar habilidades clave para o sector no que traballan actualmente.
Deste xeito, as persoas participantes nesta iniciativa formativa tiveron a oportunidade de obter o carnet de manipulador de alimentos, un documento co que poderán acreditar una formación especializada en seguridade alimentaria, un certificado moi valorado polas empresas de sectores clave como o alimentario ou o hosteleiro.



