• Os voluntarios plantaron especies como Pinus pinaster (piñeiro común), Quercus robur (carballo), Salix atrocinerea (salgueiro), Sorbus aucuparia (serbal), Betula alba (bidueiro branco) e Crataegus monogyna (espino branco)
Coincidindo co Día Internacional dos Bosques, o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, participou no proxecto de reforestación levado a cabo por Generali nos montes da parroquia de Loureiro. Nesta ocasión, voluntarios da aseguradora plantaron unhas 2.000 árbores en zonas do territorio afectados polos incendios acontecidos nos últimos anos.
Esta é a segunda fase dun proxecto de recuperación ambiental que Generali comezou o pasado mes de decembro coa plantación de 14.000 árbores en 13 hectáreas de terreo e no que participaron 50 voluntarios, acompañados polo alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela.
Este proxecto foi impulsado grazas a un equipo de especialistas que analizou previamente o terreo para determinar a mellor época na que iniciar a repoboación, atendendo a factores como o clima da zona, a tipoloxía de chan ou o proceso evolutivo das especies locais para respectar a contorna e aproveitar a súa capacidade regenerativa. Entre as especies para plantar hai exemplares de Pinus pinaster (piñeiro común), Quercus robur (carballo), Salix atrocinerea (salgueiro), Sorbus aucuparia (serbal), Betula alba (bidueiro branco) e Crataegus monogyna (espino branco).
O Día Internacional dos Bosques é unha data de especial concienciación social no que se busca facer un chamamento á preservación dun dos principais produtores de osíxeno do planeta. Os bosques non só favorecen á redución de emisións de CO2, senón que tamén axudan ao control da temperatura, favorecen a recuperación de ecosistemas danados e regulan o ciclo hidrolóxico.



