• A xuntanza contou coa presenza do director xeral de Gandeiría, Agricultura e Industrias Agroalimenarias, José Balseiros e a directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader)
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, mantivo unha reunión coa veciñanza para informar do inicio dos traballos de roza e limpeza do polígono agroforestal de Vilalén-Tomonde que acaban de dar comezo. O rexidor acudiu ao encontro acompañado polo director xeral de Gandeiría, Agricultura e Industrias Agroalimenarias, José Balseiros e a directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Sante.
O obxectivo desta proposta é o aproveitamento de terreos agroforestais con boa capacidade produtiva, recuperando así unha adecuada actividade de explotación agrícola-forestal. En Vilalén-Tomonde contarase con 68 hectáreas e 1.534 parcelas de 278 propietarios, que se destinarán a cultivos leñosos e de sistema agroforestal.
Segundo lle manifestou o alcalde, Jorge Cubela, á veciñanza “este proxecto representa unha oportunidade única para poñer en valor un territorio e unhas parcelas que poden ter un mellor aproveitamento e rendabilidade para os seus donos ao tempo que é unha ocasión única para seguir apostando polo rural como fonte de riqueza e de creación de emprego, fixando poboación e favorecendo labores de aproveitamento forestal e silvícola que sirven tamén para previr incendios forestais”.



