HomeOurenseOurenseManuel Cabezas incorpora ao seu proxecto de cidade un estudo das demandas...

Manuel Cabezas incorpora ao seu proxecto de cidade un estudo das demandas recollidas por Novas Xeracións, “un exemplo extraordinario do saber escoitar”

- Anuncio -spot_img

· O candidato á alcaldía de Ourense asegura que “xamais podería exporme un proxecto de cidade sen escoitar aos mozos, como tamén fixeron eles saíndo á rúa”

· Cabezas adianta que “devolveremos este traballo á cidadanía transformado en accións concretas que explicaremos por todos e cada un dos barrios de Ourense”

· O presidente da agrupación local de Novas Xeracións, Manuel Novoa, valora o interese do candidato por “querer saber exactamente o que pensamos os mozos; por iso lanzámonos a ese labor de escoita na rúa”

· Entre as principais demandas recollidas durante a campaña figura a mobilidade, con máis conexións co campus universitario, a falta de seguridade nocturna e recuperar a oferta cultural na cidade

O candidato á alcaldía de Ourense polo Partido Popular, Manuel Cabezas, incorporará ao seu proxecto de cidade un detallado estudo sobre as máis de 1.500 demandas e suxerencias realizadas polos mozos ourensáns durante a campaña “Que Ourense queres?, levada a cabo por Novas Xeracións durante os meses de xaneiro e febreiro en seis barrios da capital.

Na sede provincial, onde os membros da organización xuvenil prepararon un mural con todas as notas recompiladas, Manuel Cabezas afirmou que o traballo realizado polos mozos do PP “é un extraordinario exemplo do saber escoitar, un magnífico labor de campo preguntando directamente á xente que é o que quere para a súa cidade”.

“Son os mozos quen constrúe o noso futuro”, dixo Manuel Cabezas, quen asegurou que “xamais podería exporme un proxecto de cidade sen escoitalos, como tamén fixeron eles saíndo á rúa”. Razóns máis que suficientes, dixo, “para consideralos como uns dos mellores compañeiros de viaxe que teño neste reto”.

Despois de Semana Santa, sinalou o candidato, “devolveremos este traballo á cidadanía transformado en accións concretas que explicaremos por todos e cada un dos barrios de Ourense”. Unha aposta de futuro, engadiu, “feita tamén coas achegas de asociacións e colectivos cos que nos reunimos, que entendemos positivas para a cidade e polas que loitaremos paso a paso”.

MÁIS MOVILIDAD URBANA E OFERTA CULTURAL

O presidente da agrupación local de Novas Xeracións, Manuel Novoa, tamén valorou “a capacidade de escoita que vimos no noso candidato, o que nos animou a saír á rúa e escoitar á súa vez á mocidade”.

Dada a diferenza xeracional, “Manuel Cabezas quería saber exactamente o que pensabamos os mozos ourensáns para sumar novas ideas ao seu proxecto; e como cremos que non se pode pensar no futuro sen ternos en conta lanzámonos a ese labor de escoita”.

Entre as ideas e demandas máis numerosas recibidas durante a campaña figura a mobilidade, aspecto sobre o que os mozos piden máis conexións co campus universitario e a estación intermodal. Cabe sinalar que case o 50 % das peticións de mellora de mobilidade foron recollidas en zonas como San Francisco e O Couto, neste último barrio con maior insistencia nas conexións co complexo hospitalario.

Outro dos aspectos que destaca o informe é o problema da seguridade nocturna, sobre o que expresan a súa preocupación preto dun 30 % dos mozos. Ademais, un de cada tres post-it que os participantes na campaña deixaron nos murais pide unha maior oferta cultural na cidade. O arranxo e humanización de rúas e un impulso decidido ao termalismo foron outras das suxerencias máis repetidas, con máis do 14 % e o 9 % de peticións, respectivamente.

Publicacións Relacionadas