HomePontevedraO SalnésRosa Abuín: “Queremos que o PXOM resolva a ordenación da área industrial...

Rosa Abuín: “Queremos que o PXOM resolva a ordenación da área industrial de Bamio facilitando vías de acceso seguras”

- Anuncio -spot_img

Candidatos do BNG reúnense con representantes sindicais para avaliar actuacións, no Polígono de Bamio, que faciliten estacionar vehículos ou resolvan a situación das fecais.

Unha representación da candidatura que o BNG presenta ás eleccións do 28 de Maio, en Vilagarcía, vén de manter unha xuntanza cunha ampla representación sindical, de empresas e industrias asentadas no Polígono de Bamio, para avaliar a problemática que afecta aos traballadores no seu desprazamento e para o estacionamento dos vehículos persoais que precisan na súa mobilidade dada a carencia de transporte público alternativo.

Por iso, a primeira das necesidades que se abordou, en principio de fácil solución, é a da intervención no espazo entre a vía asfaltada e as beirarrúas, un oco no que de contar cunha simple capa de grava que enchese o buraco deixado polo alto grosor da capa asfáltica, permitiría acadar un bo número das tan necesarias prazas de aparcamento. Esta demanda xa foi trasladada, tempo atrás, ás administracións responsábeis sen resposta ao efecto.

Con todo, a situación de seguridade na circulación por esta vía e os seus accesos, presenta tamén outra necesidade: A construción de outra vía de acceso ao Polígono que evite a situación actual na que o seu entronque coa PO-548 se debe facerse obrigatoriamente na pequena rotunda que lle da servizo, no límite con Abalo (Catoira), unha vía na que de coincidir cun vehículo pesado impide aos turismo a visibilidade con alto risco de accidente. Razón que, para o BNG, debe acometerse no marco da revisión en curso do PXOM, incomprensibelmente demorada, ordenando axeitadamente este espazo comercial e industrial para facilitar o seu crecemento harmónico e ao tempo definir novos accesos.

Ao antedito, súmase a necesidade de acometer melloras perentorias na rede de fecais que están a provocar vertidos, precisamente neste ámbito descrito da zona de estacionamento de vehículos fronte das empresas e fábricas alí asentadas. A causa semella estar no punto de conexión entre esta canle e a de pluviais para rematar por compartir esta última.

Anecdótico, a respecto da práctica de evadir responsabilidades entre administracións relacionadas, é o feito de que a petición de colocar un espello de observación para realizar manobras conta do prace da Policía local pero exixe ser pagada polos traballadores a escote.

Publicacións Relacionadas