No encontro que o BNG vén de manter con Zona Aberta púxose de manifesto a necesidade de acentuar o diálogo co comercio local á hora de tomar decisión políticas.
O candidato do BNG á Alcaldía de Vilagarcía, Xabier Rodríguez Paz, comparte a preocupación da entidade asociativa do comercio local, Zona Aberta, á hora de alertar sobre o “prexuízo que sen dúbida suporá a ampliación dos postos do mercado ambulante, en martes e sábados, polo tramo máis próximo á Praza de Abastos na rúa Arcebispo Lago, unha decisión incomprensíbel que danará ao comercio local de proximidade, e tamén á actividade na Praza e aos mesmo ambulantes pola inevitábel tensión que esta ocupación vai supor”.
No encontro da candidatura do BNG con Zona Aberta, alén desta cuestión actual e perentoria, tamén se abordaron outras causas que representan peticións e demandas do comercio, tan xustas como desatendidas, casos da preocupación pola seguridade cidadá activa, como freo aos roubos que veñen soportando nos últimos tempos. A necesidade de abordar unha serie de medidas que faciliten a recollida e achega de mercadorías nos establecementos, incluído a dotación dunha autorización para uso dos vehículos persoais das e dos comerciantes que carecen doutro recurso, igualando dereitos. O estudo da racionalización de taxas que se adapten ao uso real e xusto de servizos recibidos. Medidas para resolver a imaxe negativa, á par dos problemas de saúde, causada pola presenza de residuos e materiais de grande volume guindado á beira do contedor de lixo, non recollidos.
Estratexicamente, a criterio seu, Vilagarcía precisa pór en valor o patrimonio das súa praias, e impulsar unha oferta deportiva e cultural orientada á diversificación temporal para que hostalaría e comercio, creadores de emprego e riqueza, poder beneficiarse das actuacións.



