• O presidente do PP de Pontevedra, Rafa Domínguez, acompañado do concelleiro Pablo Fernández, detallou que substituirán os autobuses actuais por vehículos eléctricos, axudándose do plan Move
• Os populares crearán unha rede de aparcamentos disuasorios perimetrais videovigilados e con espazos seguros para gardar bicicletas. Estes aparcadoiros estarán dotados con buses directos ao centro
O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, acompañado do concelleiro Pablo Fernández, avanzou os detalles da súa proposta para que a cidade do Lérez sexa a primeira urbe galega con transporte público gratuíto e sostible. A partir do 29 de maio, os populares, en caso de ostentar a alcaldía, poñerán en marcha este plan no que levan traballando varios meses. A formación local, ademais, planea substituír autobuses existentes por vehículos 100% eléctricos, axudándose do plan Move.
“Melloraremos e incrementaremos as liñas urbanas existentes”, dixo Domínguez, que insistiu en que puntos esenciais da cidade, como o Hospital Provincial, a Casa do Mar ou o Ambulatorio Virxe Peregrina, seguen sen ter unha parada de bus próxima. Todos os cidadáns, sexan da cidade ou non, poderán beneficiarse das novas paradas previstas de maneira gratuíta.
Pola súa banda, Fernández explicou que se creará unha rede de aparcamentos disuasorios perimetrais videovigilados e con espazos seguros para gardar bicicletas. Estes aparcadoiros estarán dotados con buses directos ao centro. Ademais, implementaranse liñas de transporte directas e gratuítas a polos comerciais e laborais, como a Brilat e os polígonos de Ou Campiño e de Ou Vao.
En paralelo, poñerase en marcha o transporte a demanda para o rural, cun bono social para os veciños das parroquias de 100 euros mensuais que teñan rendas medias e baixas.
Pontevedra, explicaron os populares, é a cidade galega que menos inviste en transporte público, gastando uns 150.000 euros, “moi lonxe dos case 7 millóns de Ourense”. Por iso, o PP busca reverter esta tendencia con “unha aposta firme pola mobilidade sostible”. Segundo o cálculo da formación local para as liñas existentes, realizándose 35.000 viaxes ao mes, cun custo medio de 50 céntimos, o investimento roldaría os 200.000 euros.
Nesta liña, Fernández avanzou a súa intención de acudir a convocatorias públicas para a creación de aparcadoiros disuasorios perimetrais e a implementación de buses lanzadeiras. Ademais, faranse convenios con empresas e administracións para as liñas da Brilat e dos polígonos industriais.
“Calquera pontevedrés poderá desprazarse pola nosa cidade de maneira gratuíta. Poderá ir á Parda, a Monteporreiro, aos centros de saúde e ao Gran Montecelo de maneira gratuíta. Cremos que se trata dunha aposta de futuro cun fabuloso encaixe para a nosa cidade e para todos os que vivimos aquí”, rematou Domínguez.



