HomePontevedraPoioA inauguración do Monólito na lembranza de Magín Froiz celebrase este venres...

A inauguración do Monólito na lembranza de Magín Froiz celebrase este venres ás 19:30 en Lourido

- Anuncio -spot_img

• O monumento en recordo do Fillo Adoptivo de Poio emprazarase na glorieta situada nas proximidades da sede do Grupo Froiz

• Este acto, aberto á cidadanía, súmase a outras iniciativas impulsadas polo Concello para honrar e lembrar a figura do histórico empresario, como o seu nomeamento como Fillo Adoptivo de Poio

O vindeiro venres 31 de marzo é a data elixida polo Concello de Poio para celebrar un acto aberto á cidadanía para lembrar e honrar a figura de Magín Froiz, falecido en marzo de 2022. Será entón cando se proceda á colocación dun monólito na súa lembranza, para que “a súa figura siga moi presente tanto na sociedade actual como nas novas xeracións”, apunta o alcalde, Luciano Sobral. Será unha cita á que se convida a participar ao tecido colectivo e a veciños e veciñas en xeral, na que tamén tomarán parte familiares do histórico empresario, fundador do Grupo Froiz, empresa de referencia no sector alimenticio máis alá da nosas fronteiras e xerador de miles de postos de traballo.

O monólito será colocado na glorieta da avenida da Praia, en Lourido, situada nas proximidades da sede principal de Froiz. A elección do emprazamento non é casual, xa que é unha zona que era de paso habitual para Magín Froiz. Este acto súmase a outras iniciativas impulsadas desde o Concello de Poio para recoñecer e dar visibilidade á traxectoria profesional, económica, solidario e deportiva do empresario, afincado en Poio durante boa parte da súa vida. A concelleira de Deportes, Marga Caldas (BNG), lembra que o espírito altruísta de Froiz tamén serviu para dar vida a máis de 2.000 iniciativas lúdicas e deportivas desenvoltas, moitas delas tamén con carácter solidario, nos últimos anos, así como a creación e consolidación do equipo ciclista Súper Froiz. Estes foron algúns dos méritos que levaron á Corporación municipal a nomealo a finais do ano pasado Fillo Adoptivo de Poio. Ademais, neste mes de marzo tamén se lle fixo entrega á familia da acreditación que corrobora o devandito nomeamento, nun acto íntimo que se celebrou no Casal de Ferreirós. “Agora chega o momento de que toda a veciñanza poida participar neste acto, máis que merecido por todo o que Magín Froiz a chegou ao noso municipio”, sinalan o alcalde e a titular de Deportes.

Magín Froiz súmase a outras personalidades que tamén se converteron en Fillos Adoptivos de Poio, entre as que se atopan Gonzalo Fernández de la Mora y Mon (1974), Pío Cabanillas (1997), César Otero (1986), José María Vallejo (1986), Antoine Marc Luc Machourek (1987), Adolfo Pérez Esquivel (ano 2000 e gañador no Premio Nobel da Paz en 1980), Alexandre Bóveda (2003) e Benito Montero (2011).

Publicacións Relacionadas